O Parlamento aproba os orzamentos da Xunta para 2021: “os mellores para a actual situación de pandemia”

 

Hoxe o  Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2021, que ascenden a un total de 11.563 millóns de euros.

No debate final o portavoz popular, Pedro Puy, salientou que son os orzamentos “máis altos da historia de Galicia, co maior nivel de gasto social e investimento, e centrados en tres obxectivos: axudar ás familias e ás empresas para que aguanten o tirón da crise sanitaria; á reactivación económica e á creación de emprego; e poñer as bases para resolver os retos do futuro”.

Pedro Puy considerou “bo que nestas circunstancias haxa orzamentos para combater a situación dramática pola caída da produción industrial, a contracción da economía, o incremento do desemprego e das afiliacións á Seguridade Social ou a suba do déficit público”. Neste sentido, salientou que “Galicia atópase nunha situación menos mala para afrontar a pandemia, crear emprego, apurar o crecemento e ter orde nas súas contas”.

Na súa intervención, o portavoz popular afirmou que “son dos orzamentos que máis medran de España, porque teñen unha base sólida consecuencia da política económica desenvolvida en anos pasados”. Así mesmo, cualificou as contas como “coherentes e que se axustan perfectamente ao que din os expertos europeos que hai que facer neste momento”.

VONTADE DE DIÁLOGO

Respecto das emendas da oposición, Puy salientou “a vontade de diálogo” que existiu ao longo de toda a tramitación parlamentaria, pero dixo que “non eran aceptables porque ían en dirección contraria á política económica necesaria nesta pandemia”. En concreto, sinalou que “boa parte do que a oposición di que hai que gastar vai acompañado de subas de impostos, nun momento no que toda Europa está baixando os impostos para favorecer aos consumidores con menor renda”.

O orzamento da Xunta para 2021 ascende a 11.563 millóns de euros, o que supón un incremento do 14 por cento respecto a 2020. Pedro Puy salientou que se recorre “a un endebedamento responsable, no que os xuros da débeda baixan por primeira vez en 25 anos dos 100 millóns de euros; non suben os impostos e consolidan as rebaixas fiscais implantadas polo Goberno galego no IRPF, o imposto de sucesións, os impostos no rural ou os incentivos á natalidade”.

Así mesmo, Puy destacou a inclusión de novos instrumentos para a loita contra a pandemia sanitaria, como un fondo Covid-10 de máis de 500 millóns; un fondo de consenso de 115 millóns para os acordos que poidan xurdir na Comisión de reactivación do Parlamento ou no diálogo social; e outro fondo de 105 millóns para infraestruturas sanitarias, blindando recursos para toda a lexislatura.

CENTRADOS NA XESTIÓN

Pola súa banda, no debate do articulado destes orzamentos, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, manifestou que “imos seguir centrados na xestión desta crise e na loita contra a pandemia sanitaria e económica”, e anunciou que “se é necesario farémolo sen o apoio de ninguén: nin do Goberno de España, que está agochado e máis preocupado polas eleccións cataláns que pola saúde dos cidadáns; nin dos grupos da oposición, que se non fan oposición leal nestes momentos, cando a van facer?”.

Posteriormente, o Pleno do Parlamento tamén aprobou a Lei de medidas fiscais e administrativas, que “intensifica as políticas de igualdade; establece beneficios para o persoal público sanitario e sociosanitario; reduce a presión fiscal aos sectores máis castigados pola pandemia e a crise que esta xera; e modifica a lexislación que mellora a execución das políticas forestais e do medio rural”, segundo explicou a viceportavoz popular, Paula Prado.

Con la tecnología de Blogger.