Sobre a licitación de obras de reparación do firme da A-52 entre os PPKK 176+000 e 236+300 en Ourense

 

Foi o 30 de maio de 2019, cando os deputados electos do Partido Popular por Ourense, Ana Vázquez Blanco e Celso Delgado Arce  rexistramos no Congreso as primeiras iniciativas parlamentarias daquela nova lexislatura, entre elas esta pregunta ao Goberno: ¿En qué situación atópase o proxecto de reparación de firme na autovía A-52 entre os PP. KK. 176,000 e 236,300, calzada dereita, na provincia de Ourense?

O 3 de xullo de 2019 o Goberno respondía:” En relación co asunto interesado, sinálase que o proxecto de construción "Reparación do firme na A-52 entre os  PPKK 176+000 e 236+300 Provincia de Ourense" está en redacción”

Comentabamos entón nunha entrada deste Blog que a autovía das Rías Baixas A-52 é a vía principal de comunicación de Galicia coa Meseta, que é transitada diariamente por un inxente número de vehículos lixeiros e pesados e que precisa dun constante mantemento do seu firme que tamén na provincia de Ourense precisa de reparacións efectivas.

É dicía que era urxente terminar de  redactar este proxecto que está valorado en seis millóns de euros.

http://www.celsodelgado.gal/2019/07/o-30-de-maio-os-deputados-electos-do.html


Pois ben, nada menos que dezaoito meses despois daquela resposta o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (Mitma)  informa o 4 de xaneiro de 2021 que “licitou, conforme ao anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público e que próximamente se publicará no Boletín Oficial do Estado (BOE), o contrato de obras de “Reparación do firme na A-52 entre os km 176,000 ao 236,300. Calzada dereita”, na provincia de Ourense, cun orzamento de licitación de 5,99 millóns de euros.

As obras consisten na reparación do firme mediante diferentes técnicas de rehabilitación, segundo o estado actual do mesmo: substitución completa de capa de chaira e novo paquete de firme, rehabilitación estrutural con reposición de entre 22 e 27 cm de mestura  bituminosa, rehabilitación superficial dos 3 cm de capa de rodadura, e selaxe de gretas. Ademais, contémplase a reposición de xuntas de dilatación de obras de paso e estacións de aforo de vehículos afectadas,e o  repintado de marcas viarias”.

Informa tamén que “esta actuación forma parte do programa de conservación e mantemento do  Mitma, que xera un impulso significativo para mellorar a calidade de servizo da infraestrutura viaria estatal existente e que na provincia de Ourense supuxo o investimento de aproximadamente 31,5 millóns de euros, desde xuño de 2018”.

Celebro este anuncio que hoxe mesmo publica o BOE, aínda que chegue con bastante retraso - a redacción do proxecto foi exaxeradamente longa - pois resultaba imprescindible, xa que as citadas obras son urxentes e moi necesarias. Agardaremos que remate o proceso administrativo, que o contrato sexa adxudicado e que comecen as obras en poucos meses.

https://www.boe.es/boe/dias/2021/01/08/pdfs/BOE-B-2021-578.pdf

Antecedentes recentes de rehabilitación da autovía A-52 en Ourense

As actuacións de rehabilitación superficial e estrutural do firme da Autovía das Rias Baixas veñen sendo unha constante desde a sua posta en servizo. O desgaste do  firme, ten que ver co intenso tráfico que soporta e tamén coas condicións climatolóxicas adversas nalgúns tramos. Por iso e para garantir as condicións de vialidade, os Ministerio de Fomento, antecedente do MITMA, ten acometido anteriores obras de reposición de firme. Cito agora algunhas das máis recentes.

O 12 de xullo de 2016 o Ministerio de Fomento mediante unha nota informaba que “iniciou as obras de rehabilitación do firme da autovía A-52, en Ourense, entre os PPKK 112 e 138 (en ambas as calzadas), nos termos municipais da Mezquita e A Gudiña. 

A autovía A-52 en Ourense presenta importantes tráficos pesados, de longo e medio percorrido. Por iso é moi preciso levar a cabo actuacións de rehabilitación superficial e estrutural do firme para garantir unhas condicións de adecuada vialidade. 

O proxecto contempla fundamentalmente a renovación superficial e estrutural do firme, mediante o fresado e posterior reposición con mesturas bituminosas en quente. 

Contémplase tamén a substitución das xuntas de dilatación dos taboleiros dos viadutos, situados no tramo da autovía A-52 obxecto da actuación, e o repintado das marcas viarias nos tramos afectados mediante pintura termoplástica en quente. 

O orzamento de adxudicación das actuacións ascende a 3.956.867 euros”.

 Dicía entón nunta entrada de este Blog que era “unha esperada noticia que me enche de satisfacción pois realmente a necesidade desta obra é incuestionable”.

http://www.celsodelgado.gal/2016/07/comezan-as-bras-de-rehabilitacion-do.html


O Ministerio de Fomento, comunicaba o 29.8.2017 que o Boletín Oficial do Estado, “publicaba o anuncio de licitación dun contrato de servizos para a execución de diversas operacións de conservación e explotación en estradas do Estado na provincia de Ourense. O orzamento de licitación ascende a 10,20 millóns de euros.

As estradas son as incluidas no sector nº 3, que comprende:

Autovía A-52, quilómetros 176,0 a 267,1.

Estrada OU-11, quilómetros 0,0 a 1,9 (acceso centro a cidade de Ourense)

Os contratos de servizos para a execución de operacións de conservación e explotación na Rede de Estradas do Estado teñen por obxecto realizar os traballos de servizos de comunicacións, servizos de vixilancia, atención a accidentes, mantemento dos elementos da estrada, mantemento sistemático das instalacións de subministración de enerxía eléctrica, iluminación, sinalización variable e semaforización.

Ademais, inclúense os labores de establecemento de inventarios e recoñecementos de estado, axenda de información de estado e funcionamento da estrada, programación, coordinación, seguimento e información da execución dos traballos, actuacións de apoio á explotación, estudos de accidentalidade e informes de seguridade viaria.

Así mesmo, realizaranse os traballos de roza, fresados e reposición do firme, limpeza de cunetas, e en xeral, todos os labores de conservación ordinaria das vías ao seu cargo.

http://www.celsodelgado.gal/2017/08/publica-o-boe-de-hoxe-un-anuncio-de.html

Con la tecnología de Blogger.