Vontade de relanzar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co novo Plan de investimentos conxuntos 2021-2027

 

Hai dous días o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelaba ao novo Plan de investimentos conxuntos 2021-2027 para relanzar unha Eurorrexión máis competitiva, máis ecolóxica, máis social e máis cohesionada tras a pandemia.

Foi logo dunha reunión co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha, na que Feijóo trasladou a importancia de que este plan se aprobe no vindeiro plenario da Comunidade de Traballo, no que se levará a cabo o traspaso de poderes da presidencia rotatoria, que pasará á CCDR-N.

Durante a xuntanza, o titular da Xunta destacou tamén o traballado levado a cabo por ambos territorios para reactivar a cooperación transfronteiriza, cun plan de reactivación da cooperación de proximidade para fortalecer esta área, que inclúe adicionalmente propostas concretas, susceptibles de ser incluídas nos fondos de recuperación europeo, por valor de case 29 millóns de euros.

Así mesmo, Feijóo defendeu o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias e viarias que unen a ambos territorios. Ao respecto, valorou a aposta do Goberno portugués pola conexión por AVE entre Vigo e Porto, cun plan de investimentos para executar unha nova liña de alta velocidade no seu territorio.

“Esta decisión do Goberno portugués supón un espaldarazo para as propostas da Xunta no que se refire ao Eixo Atlántico e ás propostas referidas ao Corredor Atlántico, onde a gran infraestrutura é a conectividade de Vigo como estación pasante ata a fronteira portuguesa, que ten un custo aproximado de 550 millóns de euros”, aseverou.

Por outra banda, e no tocante ás infraestruturas viarias, o responsable do Executivo galego avogou por seguir traballando en tres liñas de actuación: a rehabilitación da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao; o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa, un proxecto que beneficiará aos 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente transitan por esta vía; e a conexión por autovía entre o norte de Portugal e a estación do AVE á Gudiña.

En relación a este último punto, salientou que a Xunta, a Deputación de Ourense e os concellos fronteirizos impulsaron unha declaración institucional para demandar que os gobernos de España e Portugal aposten por unha nova conexión de autovía entre Macedo de Cavaleiros e Vinhais coa A-52 e a estación de AVE na Gudiña. Unha infraestrutura importante para reforzar a competitividade Galicia-Norte de Portugal e para facilitar o acceso á autovía das Rías Baixas e ao AVE Madrid-Galicia.

Por último, o presidente da Xunta incidiu na oportunidade que supoñen os vindeiros anos santos e avogou por seguir poñendo en valor o Camiño Portugués, que nos últimos once anos é a ruta xacobea que máis creceu en peregrinacións.

Ademais de formular os retos de futuro, o responsable do Goberno galego e António Cunha aproveitaron a xuntanza para facer balance da dilatada experiencia de cooperación. Así, grazas á esa intensa cooperación, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a primeira en captación de investimento dentro do programa Interreg, a través do POCTEP, chegando a captar entre 2014-2020 un investimento de máis de 131 millóns de euros para 80 proxectos no eido da innovación, da competitividade empresarial, da xestión dos recursos naturais e da eficiencia na administración pública.

“Este balance acredita que somos unha Eurorrexión respectada no Comité de Rexións e consolidada”, dixo, avanzando que xa se está a traballar na nova convocatoria do POCTEP, na que Galicia participa en tres candidaturas: Atlazul, co obxectivo de potenciar a investigación e o aumento das capacidades en economía azul; Exploraterra, para poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á I Circunnavegación e as Expedicións Marítimas Xeográficas; e Interlumes, para fomentar a cooperación transfronteiriza na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Con la tecnología de Blogger.