Feijóo cre que os fondos europeos son unha oportunidade para reconstruír a nosa economía


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a nosa Comunidade non está parada ante a oportunidade que supoñen os fondos europeos e que leva meses traballando unida para presentar un proxecto que reconstrúa a nosa economía.

Así se expresaba no acto “Galicia: máis investimentos, menos impostos” que os populares celebraron na Coruña e que tamén contou coa presenza do líder do PP, Pablo Casado. Un acto no que estiven presente.

Alí, destacou que a nosa Autonomía conta xa cun primeiro bloque de proxectos, que suman máis de 9.400 millóns de euros, e que avanzan en catro direccións: a modernización do noso tecido produtivo, a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica, a Administración dinámica e dixital, e a cohesión social e territorial. Precisamente neste último punto, reafirmou o carácter prioritario do eido sanitario e ratificou o compromiso de construír un hospital público na cidade da Coruña de máis de 400 millóns de euros, tal e como xa se fixo en Lugo ou en Vigo.

 

Sen embargo, o presidente lamentou a actitude do Goberno de España posto que, que a día de hoxe, as comunidades teñen aínda máis incógnitas e precisan que se definan con claridade os criterios de reparto. Segundo explicou, se se priman factores distintos ao interese xeral, España perderá este tren pero, se se actúa con intelixencia, estes fondos poderán axudarnos a construír un país máis sólido, cohesionado, sostible, competitivo e con máis capacidade para crear emprego.

 

UN ANO DUN GOBERNO INEXPERTO, SECTARIO E CONFLITIVO



Durante a súa intervención, Feijóo sinalou que tivemos que afrontar un dos momentos máis tráxicos da nosa historia recente co Goberno máis inexperto, máis sectario e peor avenido posible.

Sobre isto, recordou que durante esta pandemia vimos moi poucas decisións do Goberno central que non estivesen marcadas pola improvisación, as présas ou os erros.

 

No tocante ao sectarismo, afeou que en demasiadas ocasións o Executivo de Sánchez puxo os seus intereses partidistas por diante dos intereses xerais dos españois. “Nestes meses puidemos ver como as prioridades do Goberno non sempre coincidiron coas prioridades de España”, aseverou explicando que o exemplo máis evidente é a perigosa reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial que pretenden facer Podemos e o PSOE en solitario sen escoitar a ninguén.

 

Ademais, precisou que é evidente que nunca houbo tantas leas internas nun Executivo como agora, que esqueceu que o que debe facer é xestionar: “España debe ser moito máis que o taboleiro de xadrez onde Iglesias e Sánchez libran a súa partida infinita”. “O primeiro obxectivo dun Goberno é solucionar máis problemas dos que causa e este Goberno é experto en xeralos”, subliñou.

 

DAR CONFIANZA EN TEMPOS DE INCERTEZAS


No seu discurso, o líder do PPdeG salientou que o arranque desta lexislatura foi o máis intenso da historia recente da Autonomía: “Fixemos moito máis por Galicia e por España en 100 días que o Goberno central en 365”. Neste sentido, resaltou que, cando as incertezas son maiores e parecen apropiarse de todo, resulta máis necesario que un Executivo proxecte confianza, aseverando que a Xunta traballa con ese fin.

 

Coa vista posta en 2021, Feijóo recoñeceu que agarda que o próximo ano sexa mellor que o que deixamos atrás e indicou que, cun plan de vacinación áxil e consistente, lograremos conter o avance do virus; cunha resposta coordinada e contundente dos poderes públicos e co apoio dos fondos europeos, lograremos amortecer os efectos económicos e sociais da pandemia; esperando tamén que a solidariedade e cohesión que demostrou o PP europeo na presentación dos fondos guíe ao Goberno de España.

 

Por último, manifestou que a Xunta estará, como sempre, ao carón da xente xa que, cando se fala de unidade, certezas e política útil, é necesario mirar para Galicia

Con la tecnología de Blogger.