Tellado agradece o gran traballo dos parlamentarios do PPdeG no Congreso, que prepararon máis dun cento de emendas aos PGE de 2021

 

Esta mañá en Santiago, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o seu partido nunca compartirá proxecto político cos compañeiros de viaxe “radicais e extremistas” elixidos por Pedro Sánchez. Así se expresaba nunha rolda de prensa acompañado polo vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, e pola deputada nacional, Marta González.

Durante a súa intervención agradeceu o gran traballo dos parlamentarios do PPdeG no Congreso, que prepararon máis dun cento emendas aos Presupostos Xerais do Estado “que pensan directamente en Galicia e que tratan de impoñer cordura nuns orzamentos irreais e profundamente lesivos para a nosa Comunidade”.

“Cremos que todo este esforzo caerá en saco roto e non será escoitado polo PSOE porque Pedro Sánchez xa elixiu compañeiros de viaxe”, dixo referíndose a formacións como Bildu, que apostan por derribar o réxime de liberdades que garantiu 50 anos de estabilidade e democracia en España e acabar coa maior época de paz e benestar da nosa historia.

Pola contra, manifestou que os populares estarán sempre do lado dos que queren construír: “Por iso Sánchez non aceptará as emendas aos presupostos do PPdeG, porque non é compatible estar do lado dos que respectan a lei, a democracia e as institucións con chegar a acordos cos que non condenan a violencia como forma de facer política”.

O secretario xeral incidiu en que as emendas que rexistrarán no Congreso tratan de reconducir unhas contas que tamén son irresponsables, pois dependen dunha subida masiva de impostos a todos os españois, están baseadas en cálculos ficticios, supoñen o maior aumento do gasto da historia de España e están destinadas a pagar os favores políticos que manteñen no Goberno a Sánchez. “Uns orzamentos extremistas para contentar a uns socios extremistas”, engadiu.

Ademais, resaltou o agravio que implican esas contas para Galicia, cun investimento que retrocede a cifras de hai 15 anos, que crece en case todas as autonomías menos na nosa e que esquecen calquera inversión nas grandes infraestruturas ou nos retos fundamentais como a dependencia ou o despoboamento. Por todo isto, lamentou que todo apunte a que Sánchez si conte co voto cómplice do BNG, que será o responsable de aprobar os peores orzamentos para a Comunidade da última década e media.

Pola súa parte, Marta González afirmou que as emendas que presentarán os populares son “razoables, sensatas e axustadas ao que Galicia necesita”, buscando que o vindeiro ano sexa o da recuperación da saúde pero tamén o da economía. Nese senso, enumerou a cantidade de eidos que esquecen estes PXE, facendo fincapé no inexplicable que é que non haxa unha partida destinada ao Xacobeo de 2021, un motor de dinamización económica para a nosa Autonomía e para aquelas outras polas que pasan os diferentes Camiños.

 EVITAR SER O GOBERNO MÁIS RADICAL DA UE

Jaime de Olano tamén cuestionou que o Executivo de Pedro Sánchez e de Pablo Iglesias escollera a vía máis radical que existe para aprobar os orzamentos, situando a Bildu no centro de decisións da política de todos os españois e advertindo do perigo que isto supón.

 Por este motivo, pediu aos líderes do PSOE noutras comunidades que fagan o posible a nivel interno para evitar que o Goberno de España se converta no máis radical da Unión Europea. Sobre isto, afeou que, mentres si segue habendo socialistas moderados que cuestionan a deriva radical que está tomando o seu partido, o PSdeG continúe aplaudindo e defendendo os intereses de Pedro Sánchez por riba dos intereses dos galegos.

 

Igualmente, criticou que o Executivo central intentase vender estes orzamentos como unhas contas de país cando as pacta con formacións que pretenden romper España como Bildu ou ERC, forzas das que reciben o seu apoio a cambio de eliminar os castelán como lingua vehicular no ensino ou do indulto para os delincuentes encarcelados por dar un golpe á Constitucións en Cataluña. 

Con la tecnología de Blogger.