Ethel Vázquez destaca o incremento do 18,8% dos orzamentos da consellería de infraestruturas e mobilidade, que en 2021 impulsará equipamentos sanitarios por importe de 78 m€

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o incremento do 18,8 % dos orzamentos do seu departamento, que  en 2021 impulsará equipamentos sanitarios por un importe de 78 millóns de euros.

Vázquez Mourelle compareceu hoxe na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, para presentar os presupostos do seu departamento para o vindeiro ano, que se centran no eido social e na cohesión territorial, destinando ás provincias do interior, Ourense e Lugo o maior investimento por habitante.

Manifestou que os presupostos primarán o apoio á economía das familias e o impulso de obra pública para a dinamización económica nun contexto marcado pola covid-19.

Subliñou que estas contas teñen tres obxectivos fundamentais, que son a atención prioritaria ás persoas, coa dotación de equipamentos sanitarios; a contribución á reactivación económica; e o crecemento verde, cunha xestión adaptada ao cambio climático.

Atención ás persoas

Destacou que a Axencia Galega de Infraestruturas disporá dun orzamento de case 255 millóns de euros, o que significa o aumento nun 6,3% con respecto ao exercicio anterior.

Adiantou que este departamento contribuirá á aposta da Xunta pola sanidade pública, xa que figuran entre os seus retos futuros o desenvolvemento do novo hospital público da Coruña, cun investimento en 2021 de 20 millóns de euros.

Sinalou que se trata da maior obra pública da área  nos últimos anos, que se traducirá nun compromiso total de gasto de 431,3 millóns.

Engadiu outro fito no eido sanitario, que se concretará no inicio, a mediados de ano, da execución do Gran Montecelo en Pontevedra, cuxo compromiso total de gasto se elevou nos presupostos ata os 130 millóns.

A Axencia Galega de Infraestruturas tamén seguirá a construír novos centros de saúde, concluíndo nos primeiros meses do ano o de Narón, cunha consignación de 865.000 euros; ou o de Bouzas, en Vigo, cunha partida dun millóns de euros.

Ademais avanza a construción do Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia de Lugo, que en 2021 conta cunha achega superior aos 5,8 millóns de euros.

Tamén desenvolverá o CIS Olimpia-Valencia, de Vigo, o de Ourense ou o de Lalín, que se licitará na segunda quincena de decembro por 9,2 millóns de euros.

Transporte público

No ámbito da mobilidade, destacou un orzamento que se incrementa nun 36%, acadando os 133 millóns, que permitirán completar a reordenación e modernización do transporte público, ao que se destinarán máis de 73 millóns anuais na vindeira década.

Puntualizou que a Xunta destina en 2021 case 12,5 millóns de euros para manter as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano, que lle supón aforros aos usuarios que poden superar os  1.000 euros ao ano.

Avanzou que se estenderá a toda Galicia, ao longo da primeira metade de 2021, a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta.

Concretou que tamén comezará a extensión a todo o territorio dos descontos e facilidades  dos que gozan as actuais áreas de transporte metropolitano.

Para isto, prevese aprobar no primeiro trimestre a regulación da Área de Transporte de Galicia, que suporá un investimento de 10,3 millóns de euros anuais e permitirá aboar 17,5 millóns de viaxes e 2 millóns de transbordos.

Unha vez aprobada a Área, poderanse ir incorporando de modo progresivo os concellos interesados nesta medida que implicará aforros que poden superar os 1.000 euros ao ano para os viaxeiros.

Ethel Vázquez puxo en valor o gran impulso que recibirá a intermodalidade, pois as contas contemplan 23,6 millóns para poñer en servizo as estacións de autobuses intermodais de Santiago, de Ourense e de Pontevedra e culminar a de Vigo.

Precisou que a estación de autobuses da intermodal da Coruña contará con 4,5 millóns para iniciar as obras e que se avanzará nos proxectos das de Lugo e Ferrol.

De modo complementario a esas grandes instalacións das cidades, tamén se recolle unha partida en 2021 para avanzar na intermodalidade en cabeceiras de comarca.

Seguridade viaria

O Goberno galego vén mantendo a seguridade viaria entre as súas liñas de acción prioritarias, polo que as contas do próximo exercicio destinan 21,38 millóns de euros ao reforzo de firmes e á conservación extraordinaria das estradas.


A partida de conservación ordinaria increméntase o vindeiro ano ata os 29 millóns coa fin de proseguir co control da biomasa nas marxes das estradas ou a vialidade invernal para facilitar a mobilidade ante condicións climatolóxicas adversa

Vázquez Mourelle tamén puxo o acento na reserva de 7,3 millóns de euros para culminar a eliminación de tramos de concentración de accidentes nas vías de titularidade da Xunta.

O Executivo autonómico está a sumar esforzos na preparación do Xacobeo 2021, polo que cun orzamento de 3,3 millóns de euros prevese rematar nos primeiros meses do ano a mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago nas súas entradas na cidade.

Eixos de comunicación

A conselleira fixo fincapé nos obxectivos estratéxicos de vertebración do territorio e de reforzo da competitividade coa construción de novas vías de altas prestacións libres de peaxe.

Subliñou que en 2021 se porá especial intensidade no desenvolvemento simultáneo de catro grandes eixes de comunicación, un deles a Vía Ártabra, coas obras xa en marcha nun primeiro treito de prolongación cara á AP-9, que avanzarán coa achega de 10,16 millóns.

A conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria, cun investimento de 10 millóns, avanzará nas obras da primeira fase e a VAP Tui-A Guarda, cunha partida de case 11 millóns, verá comezadas as obras no polígono de Areas.

As contas tamén recollen case 5,5 millóns de euros na VAP da Costa Norte e nas actuacións viarias complementarias nas estradas autonómicas AC-862, AC-566 e LU-540.

Ademais destas catro infraestruturas, os Orzamentos inclúen 6M€ para a primeira fase da VAP da Costa da Morte entre Baio e Berdoias, e 4 M€ para as expropiacións do segundo treito da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e O Rollo, e a licitación das obras.

Crecemento verde

No eido hidráulico, Augas de Galicia contará cun orzamento de case 134 millóns de euros, o que implica unha suba de 33 millóns, que posibilitará a execución de infraestruturas verdes ou continuar co apoio aos concellos na xestión dos servizos do ciclo da auga.

Ethel Vázquez salientou que estas cifras aumentarán a resiliencia fronte á seca con catro liñas de axuda aos concellos por importe global de 3 M€ para afrontar con maior eficacia o cambio climático.

Augas de Galicia tamén destinará 76,3 M€ tanto ás actuacións de mellora do saneamento, como a minorar a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento, continuando coa senda de apoio aos concellos nas súas competencias.


Referiuse, tamén, á posta en marcha da sociedade que, seguindo o modelo de Sogama para os residuos, mellore a xestión do ciclo integral da auga. Trátase, abondou, de afrontar os problemas que  teñen moitos concellos para exercer axeitadamente as súa responsabilidade de prestación servizos de abastecemento, saneamento e depuración, poñendo ao seu servizo unha ferramenta que garanta a calidade na xestión.

Apuntou tamén os avances para culminar o saneamento integral das rías, con partidas para licitar a EDAR de Foz, avanzar na mellora da EDAR de Viveiro, redactar o proxecto da nova depuradora de Burela e rematar a intervención na Malata.

Na ría de Arousa, licitarase a mellora do saneamento de Vilanova de Arousa, Vilagarcía ou Cambados e seguirán as actuacións de depuración en Rianxo; e na ría de Vigo, avanzará a execución do saneamento de Teis ou contratarase a mellora da EDAR de Vilaboa.

No caso da ría de Pontevedra, progresarán as obras de mellora da depuradora dos Praceres, que contará en 2021 cunha partida de 10,43 millóns de euros; xunto co novo emisario submarino, para o que se  reservan 8,35 millóns.

 

 

 

 

 

Con la tecnología de Blogger.