Esta mañá os representantes galegos do PP de G no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo mantivemos co número dous dos populares galegos, Miguel Tellado unha reunión telemática.
Unhas xuntanzas interparlamentarias que, avanzou, se realizarán de forma periódica e son un paso máis do seu partido por ser máis efectivo na súa tarefa de escoitar e acoller opinións para dar unha mellor resposta aos grandes retos da sociedade.
Tellado, pediunos a deputados e senadores do PPdeG que esteamos vixiantes en cada Cámara ante os abusos cara a Galicia de Pedro Sánchez.
Un dos temas tratados no encontro foi a declaración do Estado de Alarma e as medidas aplicadas co toque de queda que, como sinalou o secretario xeral, non fan máis que crear unha enorme inseguridade xurídica, xeran moitas dúbidas para os cidadáns e en Europa, e fomentan a incertidume entre empresas e traballadores abusando de mecanismos constitucionais excepcionais.
Por este motivo, insistiu en solicitarnos que controlemos ese poder absoluto que Sánchez pretende exercer durante seis meses a través do Estado de Alarma; así como que desde as institucións europeas traten de parar os seus “tics antidemocráticos“, como xa fixeron parando a reforma do CGPJ.
De feito, tamén recordou que hai meses que desde a Xunta se propuxo reformar a Lei de Saúde Pública para dotar ás Comunidades dos mecanismos necesarios para xestionar esta pandemia, dando certezas e xerando seguridade. “Por iso pedimos aos nosos representantes en ambas cámaras que impulsen estas reformas legais”, sostivo.
“O Goberno socialista está baseando toda a súa xestión da pandemia na improvisación, os bandazos e as motivacións políticas”, precisou mentres definía como incrible que, sete meses despois, Sánchez si tivera tempo para irse de vacacións a Doñana pero España non teña un corpo normativo actualizado e preparado para combater a situación provocada pola COVID-19. De igual xeito, criticou que, en menos de 24 horas, o presidente do Goberno volvese cambiar de opinión e modificase o decreto para que agora sexan as Comunidades as que decidan se manteñen o toque de queda: “Un desastre sen paliativos”.
UNS PXE EXTREMISTAS
Sobre o proxecto
dos Orzamentos Xerais do Estado presentado onte por Sánchez e Iglesias, “os
picapedra dos impostos”, afeou que estas contas aumenten o gasto ata limites
históricos, traten de soster este aumento subindo a presión fiscal aos cidadáns
e desincentiven a contratación nun momento no que as cifras da EPA falan de
incrementos moi perigosos do desemprego.
Así mesmo, cuestionou que o Goberno diga que estes presupostos suben os impostos só aos ricos cando os pretenden aumentar aos refrescos e ao diésel. “Hai que moverse moito en coche oficial para pensar que os impostos ao combustible só afectan aos ricos”, dixo cualificándoos como “uns orzamentos extremistas para ter contentos aos seus socios extremistas”.
Igualmente, lembrou que, co Goberno do presidente Rajoy, Galicia chegou a un investimento territorializado do 12, 5%. “Veremos a que chegamos agora con Sánchez e que territorios son a súa prioridade”, manifestou o secretario xeral.
UN REPARTO XUSTO DOS FONDOS EUROPEOS
Por último, referiuse á necesidade dun sistema de reparto xusto dos fondos europeos entre as Autonomías e afirmou que, segundo os obxectivos que establece a UE, a proposta da Xunta é viable, realista e está en liña con Europa.
O Executivo galego xa presentou os primeiros 108 proxectos que mobilizarían máis de 9.400 millóns de euros para facer fronte á pandemia e lograr unha progresiva recuperación económica e social. “Para que isto ocorra, necesitamos que o Goberno socialista estableza un sistema de reparto baseada na transparencia e a obxectividade”, explicou Miguel Tellado.
Nese senso, pediu que non impoñan unha distribución opaca que favoreza aos intereses políticos do PSOE e desprece a Galicia. “O máis xusto é apostar por un sistema de concorrencia competitiva, sen arbitrariedades, que garanta unha recuperación simétrica de todas as rexións do noso país”, engadiu ao tempo que cuestionaba que Sánchez siga sen aclarar cales serían estes criterios de reparto.
Pola súa parte, resaltou que Galicia seguirá traballando por identificar novos proxectos e avanzar nas iniciativas xa propostas. Ademais, destacou que se aprobou o plan de traballo da Comisión de Reactivación Económica do Parlamento, un mecanismo para dialogar entre todas as forzas políticas e escoitar á sociedade civil co que agarda que se favoreza a recuperación social e económica da Comunidade.