Onte o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou os “Indicadores migratorios” que toman como espazo territorial de referencia a comunidade autónoma de Galicia; consideran movemento migratorio interior aquel que teña orixe e destino un concello galego, e movemento migratorio exterior todo movemento que teña como orixe ou destino o resto de España ou o estranxeiro.
Estes movementos clasifícanse segundo xénero, grupos de idade e
nacionalidade, e a partir deles calcúlanse saldos migratorios, taxas de
emigración/inmigración ou idades medias á migración. Inclúense tamén outras
variables relacionadas co fenómeno migratorio, que aínda que non miden
directamente movementos migratorios, proporcionan información relevante sobre o
seu desenvolvemento, como son as obtidas dos datos sobre residentes
estranxeiros en Galicia ou de persoas de nacionalidade española con vinculación
cun concello galego residentes no estranxeiro.
Unha migración prodúcese cando unha persoa establece a súa
residencia habitual nun territorio, tendo anteriormente a súa residencia noutra
demarcación xeográfica distinta. A información sobre este tema procede en xeral
de distintas fontes cuxo obxectivo inicial non é medir as migracións e que
proporcionan aproximacións á súa cuantificación.
Estos son os principais resultados:
Saldos migratorios
O saldo migratorio (diferenza entre as entradas e as saídas) de Galicia en 2019 presenta un valor positivo de 17.747 persoas, e mantén a tendencia de incremento iniciada en 2016.
O saldo migratorio total por cada 1000 habitantes aumentou nos últimos anos nas catro provincias galegas.
Os concellos galegos que en 2019 presentaron maior saldo migratorio interior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe e destino en Galicia) foron Sada (+188) e Oleiros (+168), e os de menor saldo interior en 2019 foron Ferrol (-289) e Lugo (-178).
Os concellos que presentaron maior saldo migratorio exterior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe ou destino fóra de Galicia) en 2019 foron A Coruña (+2.861) e Vigo (+2.456); os que rexistraron menor saldo exterior foron en 2019 Oímbra (-27) e Beariz (-19).
Taxas de emigración/inmigración
Desde 2016 a taxa de inmigración
(calculada como as inmigracións por cada 1000 habitantes) supera á taxa de
emigración (emigracións por cada 1000 habitantes) en Galicia, tomando no ano
2019 os valores de 10,7 saídas por cada 1000 habitantes e 17,2 entradas por
cada mil habitantes.
Idades medias
A análise das idades medias das
persoas que entran e saen de Galicia reflicte que desde o ano 2017 o proceso
migratorio está a favorecer o rexuvenecemento da poboación galega; as idades
promedio das persoas que chegan a Galicia é inferior á das que saen. Durante o
ano 2019 as persoas que chegaron a Galicia para fixar a súa residencia tiñan
unha idade media de 36,1 anos (40,0 anos os españois e 32,5 anos os estranxeiros),
e as persoas que marcharon de Galicia unha idade de 37,1 anos (37,9 anos os
españois e 35,5 anos os estranxeiros).
Segundo o xénero das persoas migrantes, os
homes que chegaron a Galicia en 2019 tiñan de media 35,8 anos, e os que
marcharon 37,0 anos. No caso das mulleres, as que chegaron tiñan en promedio
36,4 anos e as que marcharon 37,2 anos.
Poboación
estranxeira residente en Galicia
Segundo os datos correspondentes ao 1 de xaneiro de 2019 do
Padrón Municipal de Habitantes, a poboación estranxeira en Galicia representaba
o 3,7% do total; destas, o 4,2% naceran en Galicia e o 95,0% no estranxeiro.
Por idades, só o 6,3% das persoas estranxeiras
residentes en Galicia no 1 de xaneiro de 2019 tiñan 65 ou máis anos de idade
A distribución da poboación estranxeira no
territorio galego é desigual: en 2019, a maior porcentaxe de poboación
estranxeira (con respecto ao total da poboación municipal) aparece en concellos
do sur da provincia de Ourense: Carballeda de Valdeorras (15,5%), Oímbra
(13,8%) e Entrimo (12,6%).
Tampouco é uniforme a presenza de poboación
estranxeira nos sete grandes concellos de Galicia. No ano 2019, nos concellos
de A Coruña, Lugo e Ourense supera o 5% do total da poboación, mentres que no
concello de Ferrol a poboación estranxeira supón o 2,6% do total.
Poboación
galega residente no estranxeiro
A poboación de nacionalidade española inscrita no Padrón de
Españoles Residentes en el Extranjero (PERE), con referencia a algún concello
galego no 1 de xaneiro de 2020, vive maioritariamente en países de América, o
77,7%, e de Europa o 21,4% do total. Por grupos de idade, o 30,4% ten 65 ou
máis anos, mentres que o 10,0% ten 15 anos de idade ou menos.
En canto ao lugar de nacemento desta poboación
galega residente no estranxeiro no 1 de xaneiro de 2020, o 27,5% naceu en
Galicia mentres que o 71,6% naceu no estranxeiro.
Tres de cada catro novas inscricións no Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) de galegos e galegas durante o ano 2019 (recollidas no rexistro na data 1 de xaneiro de 2020) tivo lugar en América, e case o 80% das novas inscricións eran persoas nacidas no estranxeiro. En canto á idade desas novas inscricións, máis do 61% delas foi de persoas menores de 35 anos.