Seriamente preocupados pola actividade incendiaria intencionada na provincia de Ourense

 

 
A provincia de Ourense ven padecendo desde esta fin de semana unha actividade incendiaria de primeira orde.

Déronse moitas circunstancias que deixan patente esta cuestión: Horas nas que os medios non poden actuar; Calor; Vento cambiante; Algún lume con varios puntos; Lumes na mesma parroquia; Preto das casas; Lumes ante previsión de choiva. Soen queimar a serra. Unha vez máis confírmase o que nos trasladan os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. 

Ademais, cómpre sinalar que é paradóxica a situación do Macizo Central, rexistrando lumes en ata 5 municipios, o que evidencia aínda máis a intencionalidade nestes focos.
 
Ante isto, a Xunta despregou esta fin de semana e de forma extraordinaria un total de 38 medios aéreos e unhas 2.000 persoas só na provincia de Ourense, sen desatender ao resto do territorio de Galicia. 
 
Por iso, a Xunta quere deixar claro que estes delincuentes incendiarios pagarán por todo, con penas de cárcere e co seu propio patrimonio. Non quedarán impunes e pagarán co que teñan os gastos de extinción, porque ademais de danar os montes, puxeron en risco a vida de persoas e iso non se pode tolerar de ningunha forma. 
 
Según a Consellería, a situación as 9,30 horas de hoxe, dos lumes en Galicia é a seguinte:

Vilariño de Conso

Segue decretada, como medida preventiva, a Situación 2 no lume de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, cunhas 2.000 hectáreas afectadas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Este lume continúa activo, desde as 02,22 horas do domingo, e segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 4 pas, 14 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 18 axentes, 42 brigadas, 22 motobombas, 1 pa, 11 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

O incendio permanece activo. Iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 11 axentes, 19 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no concello de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 16 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilardevós

Activo desde as 1,04 h. do luns un lume en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 300 hectáreas. No seu control participan 15 axentes, 21 brigadas, 18 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. do luns un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 200 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 1 técnico, 3 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Tamén permanece activo desde as 2,40 h. de onte outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade nos lumes deste concello. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 120 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 8 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Mezquita

Activo dende as 12,24 h. de onte un lume procedente de Zamora que, segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 250 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 5 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

Laza

Segue activo desde as 20,29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 15 brigadas, 3 motobombas, 3 pas e 4 avións.

ESTABILIZADOS

Vilar de Barrio

Estabilizado, dende as 19,35 h. de onte, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

A Gudiña

Estabilizado ás 10,23 h. de onte o lume que se rexistraba ás 20,47 h. do sábado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Muíños

Estabilizado dende as 21,00 h. de onte o lume do municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que dá idea de clara intencionalidade. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie de 9 hectáreas. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 2 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas e 3 helicópteros.

CONTROLADOS

Maceda

Neste concello quedaron controlados ás 17,47 h. do luns os dous lumes que se iniciaron simultaneamente na parroquia de Castro de Escuadro ás 15,04 h. do domingo, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 130 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 10 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.

Ribas de Sil

Controlado desde as 22,34 h. de onte o incendio rexistrado no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites. Este lume iniciábase ás 1,44 h. desta madrugada en 4 focos simultáneos, o que evidencia tamén a intencionalidade neste caso. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 60 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 23 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Con la tecnología de Blogger.