Reclamamos a RENFE o inmediato restablecemento do tren Avant das 6,45 entre Ourense, Santiago e A Coruña


Os deputados ourensáns do PP no Congreso, Ana Vázquez Blanco e Celso Delgado, presentamos varias iniciativas nas que reclamamos  a RENFE o restablecemento inmediato do tren Avant que saía de Ourense ás 6.45 horas con destino a Santiago de Compostela e A Coruña, conexión vital para atender as necesidades de mobilidade de funcionarios, estudantes, profesionais, traballadores e demais usuarios.

Os deputados populares entendemos insostible que despois do estado de alarma pola Covid-19 e unha vez recuperada a actividade laboral, funcionarial, universitaria, comercial, xudicial, etc., se prive aos ourensáns da única posibilidade de chegar a primeira hora por vía ferroviaria aos seus traballos ou actividades na capital de Galicia ou na cidade herculina.

A alternativa aos 38 minutos de viaxe por ferrocarril a Santiago son máis de 70 minutos en coche particular, e no caso da Coruña non baixa dos 100 minutos no mellor dos casos.

Lembramos que ademais hai moitos ourensáns que deben acudir a hospitais desas cidades para recibir tratamentos ou pasar consulta e que se están vendo moi prexudicados por unha decisión de RENFE, na que prima a rendibilidade económica sobre a utilidade pública.

Precisamente mañá, na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a iniciativa do grupo parlamentario popular, debaterase unha proposición non de Lei sobre a recuperación de todos os servizos ferroviarios que RENFE viña prestando ata a declaración do estado de alarma polo Covid-19. 

“Estamos ante unha problemática que se está deixando sentir en toda España, e o caso deste tren de Ourense é un dos máis claros”, lamentamos.

Con la tecnología de Blogger.