lunes, 28 de septiembre de 2020

Galicia e a comarca da Mariña non se merecen este trato por parte de Alcoa respecto da venda da factoría de San Cibrao

 

Hoxe coñecemos que Alcoa reixeitou de maneira sistemática todas as ofertas que se puxeron sobre a mesa nas últimas semanas, tanto desde Liberty House como desde o Goberno para comprar temporalmente a planta e vendela inmediatamente a continuación a Liberty.

Esta actitude de Alcoa é incomprensible. Coa súa posición, agora parece que queda demostrado que en ningún momento tivo intención de vender a planta de aluminio.

Por iso é decepcionante ver cómo actúa de mala fe, rompendo as negociacións para vender a Liberty House apenas unha hora antes de que finalizara o prazo establecido para chegar a un acordo.

Galicia e a comarca da Mariña non se merecen este trato por parte de Alcoa. A Mariña gañouse o dereito a ter a oportunidade de seguir producindo aluminio primario (actualmente, a única fábrica en España) e salvagardar os mil empregos en xogo.

Alcoa aínda está a tempo de recapacitar, de reflexionar sobre as consecuencias que a súa decisión terá para os seus traballadores, as súas familias e toda a comarca da Mariña.

O Goberno galego ten manifestado que seguirá ao lado dos traballadores, exixindo traballar todos unidos ata acadar unha saída.

Do mesmo xeito que a Autoridade Laboral seguirá vixiante ata o remate do proceso, velando polos dereitos dos traballadores.

Hoxe mesmo o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificaba de “decepcionante” o resultado das negociacións para a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao e avogou por “analizar todas as opcións que, dentro do marco legal vixente, permitan a garantía da continuidade desta empresa e o mantemento dos postos de traballo”.

Pedro Puy lamentou que as negociacións para a compra da factoría de Alcoa en San Cibrao “non fructificaron nun acordo no prazo sinalado” e considerou “fundamental que se manteña tanto a produción como os postos de traballo”. Neste sentido, incidiu que tanto o Goberno galego como o PPdeG “seguirá ao lado dos traballadores na busca dunha solución que garanta a viabilidade desta factoría”, a única que produce aluminio primario en España.

Na súa intervención, Puy asegurou que “hai un marco para chegar a un acordo entre as dúas empresas” e sinalou que “non é de recibo que non se antepoñan os intereses dos traballadores e da propia economía española, non só polo impacto no emprego senón tamén polo proceso produtivo”.

O portavoz popular demandou que “o Goberno de España e da Xunta deben continuar traballando xuntos para atopar unha solución posible”, pero lembrou que “o marco eléctrico condiciona toda negociación entre as dúas empresas”. “Seguimos pensando que é necesario que haxa certeza sobre os prezos eléctricos, e consideramos que as empresas españolas non poden pagar o dobre que en Francia e máis do dobre que en Alemaña”.

Así mesmo, avanzou que “seremos construtivos e leais con quen procure unha solución para este conflito e esperamos que esta situación lamentable se resolva canto antes”, porque alertou que “outras empresas galegas poden entrar nesta dinámica se non se clarexa un horizonte de prezos da enerxía para as empresas electrointensivas, como Alu Ibérica, Celsa ou Xeal, a antiga Ferroatlántica en Cee-Dumbría”.