Feijóo establece a volta segura aos centros educativos como unha prioridade e pide un novo fondo covid para o vindeiro ano 2021


Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, estableceu a volta aos centros educativos como unha prioridade e pediu que se estableza xa un novo fondo covid para o vindeiro ano 2021. “É imprescindible un respaldo tamén no presuposto do 2021”, aseverou, recordando que a cantidade habilitada para o incremento do gasto covid na educación, na sanidade e nos servizos sociais corresponde só ao 2020.

Nesta liña, Feijóo aproveitou a videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos para reiterar que Galicia non está conforme cos parámetros de reparto deste fondo, xa que non se teñen en conta factores determinantes na prestación do servizo público educativo como son os custes do transporte escolar ou os comedores. “En transporte escolar, Galicia concentra o 21,6% do gasto de toda España e en comedores escolares, concentramos o 10% do gasto estatal, polo que o reparto é inxusto e rompe a equidade do sistema de financiamento”, precisou, subliñando que si se empregase o criterio do sistema de financiamento autonómico, a Comunidade galega recibiría 36,3 millóns máis que os asignados.

Logo de lembrar que as comunidades veñen reclamando desde a primavera unha Conferencia de Presidentes específica para preparar a volta ás aulas, o titular da Xunta sostivo que esta Conferencia chega tarde.

Deste xeito, o presidente animou ao Executivo central a que no Consello interdepartamental de saúde concrete un único protocolo que poidan seguir todas as comunidades ante un brote nunha aula: “Estamos a falar de cando se debe illar aos contactos máis próximos e cando a toda a aula; de cando se debe pechar un centro; de como informar aos pais. En definitiva, de concretar aínda máis o protocolo educativo a través das autoridades sanitarias”, expuxo, referíndose tamén á necesidade de estudar que axudas ou permisos retribuídos se poden dar a unha nai ou a un pai cun neno en corentena e que non poida teletraballar.

Fondos europeos e orzamentos 2021


No tocante ao outro dos asuntos abordados: os fondos europeos, Feijóo urxiu a necesidade de que se coñezan os criterios claros de reparto; “e de que candidaturas e proxectos se pode estar a falar para que despois os proxectos tractores de cada comunidade teñan capacidade de competir entre si e na Unión Europea”, engadiu.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego reiterou a importancia de coñecer as previsións económicas para 2021 para poder avanzar nos orzamentos. “Estamos a falar da necesidade de concretar os parámetros para poder elaborar os presupostos do 2021: o límite de déficit, a porcentaxe de débeda pública, o escenario de ingresos, as entregas a conta, a liquidación do pasado exercicio. En definitiva, pedimos ferramentas para poder cumprir coa nosa labor de responsabilidade”, remarcou.

Por último, Feijóo concluíu incidindo en que na loita contra a pandemia debe ser clave a lexislación sanitaria.

Ao respecto, confirmou que a Xunta ten elaborado a súa proposta para reformular consideracións e contidos ante unha eventual modificación da Lei orgánica de saúde pública e da Lei da xurisdición contencioso administrativa.

Unha proposta que, segundo avanzou, será supervisada polo Consello, onde se recolle un catálogo de medidas que poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias para o control das enfermidades de carácter transmisible, como é o caso da covid. En segundo lugar, se introducen as esixencias que hai que cumprir para o establecemento de límites aos dereitos fundamentais e se recolle expresamente en que supostos é necesario acudir á intervención xudicial, para poder ratificar as decisións que as autoridades de saúde pública de cada comunidade autónoma adopten.


Con la tecnología de Blogger.