sábado, 8 de agosto de 2020

Lamento moito a morte dun piloto no accidente dun hidroavión que traballaba en Lobios na extinción dun lume

Hoxe a Consellería do Medio Rural informou de que unha persoa faleceu e outra resultou ferida no accidente que sufriu un hidroavión do operativo portugués de extinción cando actuaba no lume rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. 

A persoa ferida, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladada a un hospital portugués nun helicóptero medicalizado do país veciño. Desexo a sua pronta recuperación.

Lamento moito a morte do piloto Jorge Jardim que loitaba contra a acción incendiaria en moitos casos criminais, e transmito o pésame á sua familia e ao Dispositivo Especial de Combate a Incêndios Rurais de Portugal.

Esta tarde tamén se desprazou  á zona o conselleiro do Medio Rural, José González, para coñecer máis detalles do sinistro e comprobar in situ como avanzan os traballos de extinción.

O lume, que entrou en Galicia desde a parte portuguesa do parque natural, iniciouse ás 8,00 h. desta mañá e a esta hora permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 10 hectáreas na nosa comunidade. No control do incendio levan traballado 4 axentes, 12 brigadas, 4 motobombas, 9 avións e 5 helicópteros.

Permanece tamén activo o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 250 hectáreas.

Segue controlado así mesmo o lume do concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Pradorramisquedo, que afecta unha superficie dunhas 200 hectáreas.