martes, 11 de agosto de 2020

A Xunta inicia as obras de mellora do firme nas estradas de acceso ás canteiras de lousa.

Informa a Xunta que vén de iniciar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, en Carballeda de Valdeorras, no acceso ás canteiras de lousa.

Esta actuación, cun investimento de máis dun millón de euros, terá un prazo de execución de 6 meses.

O desenvolvemento destes traballos fará necesaria a realización de cortes de tráfico, que serán anunciados e sinalizados previamente e contarán cos correspondentes desvíos alternativos para facilitar a mobilidade na contorna.

A intervención comprenderá melloras na capa de rodadura na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final, na fronteira coa provincia de León, no 26+260; e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.

O obxectivo é o acondicionamento dos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras.

Os traballos prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, na limpeza de gabias e no reperfilado de noiros.

As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e a reposición da sinalización vertical e balizamento.

Celebro esta nova. Arranxar estas estradas é unha necesidade evidente.