Preocupantes lumes no concello de Ourense

O  concello de Ourense padeceu onte un día moi preocupante de incendios  forestais, con varios lumes, un apareceu ás 15,00 horas do sábado, e ameazou as casas de de  Canibelos  oblinado aos servizos de extinción a intervir e crear con auga un cordón de seguridade. Houbo  outros en Covadonga e  Untes.

E hoxe declarouse outro en Vilar de Astrés, ás 11,17 horas nas inmediacións do campo de tiro e queimou máis de 60 hectáreas a poucos metros da cidade, apenas separado polo río.

É certo que  a intensa calor  de onte e hoxe aumenta o risco pero é evidente que detrás destes incendios parece estar a man dos incendiarios.

Salientar que no control destes incendios traballan 1 técnico, 10 axentes, 23 brigadas, 16 motobombas, 7 helicópteros e 11 avións.

Campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia

Lembremos campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia comezou o pasado 1 de xullo, e estenderase ata o 30 de setembro.

Está plenamente operativo o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2020. Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán estará integrado por máis de 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Todos eles terán á súa disposición 360 motobombas e así mesmo, o despregue do persoal de terra reforzouse coa permanencia un mes máis dos efectivos fixos descontinuos –case 1.000 persoas-, que o ano pasado estiveron sobre o terreo cinco meses e nesta campaña van estar seis.

No tocante ás melloras tecnolóxicas, destaca a visualización actualizada de imaxes vía satélite; a compartición de pantalla entre varios usuarios; ou a implementación de formas ou siluetas provisionais de evolución do lume.

Ademais, nas tablets coas que contan os axentes e técnicos se inclúen datos cartográficos actualizados, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume; fotografía xeorreferenciada e capacidades de edición, información dos puntos de auga, etc.

Hai tamén un reforzo dos medios aéreos, cun incremento de capacidade de transporte auga, e adaptandose ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria, coa incorporación dos protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene.

De cara a esta tempada de alto risco, a Consellería do Medio Rural lembra que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: o 900 815 085. A Xunta pide a colaboración da sociedade denunciando este tipo de accións, a través do teléfono ou directamente ante as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A maiores, o Goberno galego lembra que tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal. Failles tamén unha chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.


Con la tecnología de Blogger.