Cooperación entre catro Comunidades para promocionar a Vía da Prata aproveitando a proximidade do vindeiro Ano Santo

Da actualidade de hoxe, saliento que o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, xunto cos conselleiros de Cultura de Andalucía, Estremadura e Castela e León presentaron este martes en Mérida o proxecto conxunto “El Camino de la Plata”, promovido por estas catro comunidades co obxectivo de impulsar a Vía da Prata, destacando a súa riqueza patrimonial e cultural e o seu potencial como motor de dinamización do rural, especialmente coa ollada posta no vindeiro Xacobeo 2021.

O acto contou coa asistencia da conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia do Pozo Fernández; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores Redondo e do conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega Álvarez.

Previamente, Guillermo Fernández Vara, presidente da Junta de Extremadura, recibiu aos catro conselleiros e subliñou que é algo “infrecuente e excepcional” –o cal “lle dá máis valor e que nos debería facer recapacitar” – que catro comunidades da España das autonomías, “por encima de partidos e ideas, saquen adiante proxectos comúns, a través de proxectos compartidos, pois hai moito que compartir: historia, tradicións, cultura, patrimonio ou pertenza”.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez destacou a importancia da colaboración institucional á hora de impulsar este itinerario, “que vertebra España de norte a sur” e que se caracteriza polo seu valor cultural e patrimonial. Deste xeito, explicou que a cooperación entre estas catro comunidades “vai máis alá dunha declaración de intencións e de manifestacións de boa vontade”, senón que busca crear un “marco efectivo de traballo” para a promoción e difusión da Vía da Prata, aproveitando a proximidade do vindeiro Ano Santo.

Portal referencia para os peregrinos

A web do proxecto, www.elcaminodelaplata.com, servirá como eixo da comunicación e pretende converterse na referencia dos peregrinos interesados en facer o Camiño de Santiago a través deste itinerario. Así pois, este portal exercerá como unha plataforma dinámica onde os peregrinos poderán coñecer, aprender e descubrir os segredos dos municipios que compoñen esta ruta, as historias reais dos veciños da zona, a idiosincrasia das súas xentes ou os seus tesouros ocultos.

Outro dos eixos centrais do proxecto é un plan de participación cidadá, onde uns centinelas do Camiño (prescritores, embaixadores e cidadáns), difundirán os valores desta ruta.

Protocolo de colaboración

A presentación deste proxecto da continuidade ao protocolo de colaboración asinado durante a xornada de onte entre os conselleiros de Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León para traballar en accións conxuntas centradas neste itinerario.

Así, o documento define a constitución dunha Comisión de Cooperación das comunidades autónomas asinantes e a creación dun grupo de traballo para o impulso de accións conxuntas que permitan a potenciación e a protección da ruta. No seno desta Comisión formaranse dous grupos con representantes de cada unha das autonomías que traballarán por un lado na promoción turística e na programación cultural e, por outro, na defensa e protección patrimonial do itinerario histórico.

Ao abeiro deste protocolo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria asociada aos tramos da ruta, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos. Ademais, ao protocolo establece o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago nesta ruta, contribuíndo á constitución dunha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da Vía da Prata. 

A vía da Prata 

Prolonga a calzada romana denominada Vía da Prata que unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta(Astorga). A vía trazouse a comezos do cristianismo aproveitando camiños máis antigos. Entra en Galicia pola Mezquita e é o camiño xacobeo galego de maior percorrido. O termo “Vía da Prata” non ten que ver coa explotación ou co comercio deste metal precioso, senón que procede do árabe Bal’latta, que é a palabra coa que os musulmáns designaron aquela ampla vía pública empedrada e de sólido trazado pola que se encamiñaban ao norte cristián. Con todo, esta vía si se chegou a empregar para o comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla.

Vía da Prata percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción —a provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla— que lle ofrece ao camiñante unha chea de atractivos.

Con la tecnología de Blogger.