domingo, 12 de julio de 2020

Comezou con normalidade a xornada electoral das eleccións ao Parlamento de Galicia

Hoxe un total da 2.697.315 galegos estamos chamados ás urnas para elixir os deputados ao Parlamento de Galicia. O censo de residentes en Galicia é de 2.234.252 e 463.163 son residentes no estranxeiro e que antes de emitir o sufraxio, deben rogar o voto ( esta vez tan só 12.359 electores).

Con respecto ás eleccións anuladas do mes de abril pola crise do coronavirus, o censo baixou en 2.190 electores. Nas eleccións autonómicas do 2016, o número de votantes ascendía a 2.701.837.

Entre eles, 359.226 ourensáns, que repartirán 14 dos 75 escanos que conformarán o novo Parlamento de Galicia.

A xornada electoral arrincou en Galicia e en Ourense con normalidade nas 542 mesas nas que se vota nesta provincia. Concretamente, nos 92 municipios ourensáns organízanse en 122 distritos, 260 seccións e 542 colexios electorais (distribuídos en 419 locais).

Iso sí, con todas as medidas adoptadas pola Administración para garantir unhas condicións adecuadas de circulación para poder acudir a votar, así como para garantir o dereito á saúde dos votante e das persoas que interveñen no proceso.

Ás 10,00 horas emitín con toda normalidade o meu voto no Colexio de Curros Enríquez, onde a organización era perfecta.

Agardemos que a xormada discorra con normalidade.