Comparto coa Xunta de Galicia a consideración como totalmente insuficiente da asignación á Comunidade Autónoma do primeiro tramo do Fondo Covid, publicada este mercores no BOE polo Ministerio de Facenda, xa que penaliza a Galicia no reparto deste tramo de 6.000 millóns de euros para gasto sanitario.
A Xunta de Galicia na súa web informa “que considera positiva a creación dun Fondo Covid para as comunidades autónomas, pero discrepa totalmente da metodoloxía utilizada polo Ministerio de Facenda no reparto destes fondos.
O Goberno central cambiou de xeito unilateral os
criterios de reparto utilizados no sistema de financiamento autonómico e no
primeiro reparto de fondos Covid aprobado en marzo, e este cambio penaliza
claramente a Galicia, como xa advertiu a Xunta en reiteradas ocasións e mesmo
se lle trasladou ao Goberno.
A consecuencia disto é que a cantidade asignada a
Galicia no primeiro tramo de 6.000 millóns do Fondo Covid é totalmente
insuficiente. De feito, a Comunidade Autónoma de Galicia recibe nesta
asignación menos do 4,5% dos fondos, pese a que representa o 6,4% da poboación
protexida equivalente de España.
No reparto de fondos Covid que o Goberno realizou en
marzo a poboación protexida tiña un peso do 80%. Pola contra, neste primeiro
tramo ese peso redúcese a menos da metade, o 35%, e isto obviamente prexudica a
Galicia porque reduce o peso da dispersión poboacional ou do avellentamento,
que son factores claves para determinar o gasto sanitario.
Ignórase o gasto en residencias integradas e atención
domiciliaria
Ademais, no reparto deste tramo o Goberno só ten en
conta o gasto hospitalario e, polo tanto, ignora o gasto de atender a persoas
nos seus fogares, o gasto nas residencias integradas ou o gasto que afrontou
Galicia en atención primaria
Galicia lamenta tamén que este reparto non se decidise
no Consello de Política Fiscal, que é o órgano de interlocución creado para
abordar estas cuestións. En todo caso, a día de hoxe a Xunta de Galicia aínda
non recibiu nin un euro dos 16.000 millóns.