domingo, 7 de junio de 2020

Urxe actuar para corrixir a degradación da Ponte Loña

Visito á primeira hora da mañá deste domingo, despois de correr uns quilómetros, a Ponte sobre o Río  Loña, no  concello de Ourense, no vello camiño dos pobos de  Mende e  Velle; e no seu día inicio do camiño que daba servizo á vila galaico-romana de  Santomé. 

Trátase dunha bela ponte de corte medieval dun só arco asentado sobre bólas graníticas do que parece ser hai unha primeira referencia no ano 1238. 

Din os estudosos que con gran probabilidade, veu substituír outro anterior, romano, construído en madeira ou mesmo en pedra. 

Pero resulta moi triste ver o estado no que se atopa, manchado por grafitis e pintadas. 

Ademais afectado na súa contorna pola contaminación visual, de ruínas e sobre todo por un poste eléctrico de enormes proporcións, baseado en formigón que impide que se poida facer unha fotografía completa da ponte sen que apareza tan horroroso artefacto.

É moi urxente e necesario actuar sobre a ponte para limpalo e  restauralo. Nunha placa encostada consta que foi restaurado en 1987 pola Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, data na que se recuperou o tránsito peonil. Hai 33 anos..

E é tamén urxente o actuar na contorna da ponte. Ao meu xuízo o primeiro é solicitar a retirada dese poste eléctrico - con carteis publicitarios adosados- nas proximidades dun transformador que ademais resta espazo ao carreiro das ribeiras do río  Loña que vai desde a desembocadura do Miño ata  Mende.

Fixen estas fotos acreditativas da desfeita.

Actuar nesa ponte e a súa contorna, potenciaría o frondoso e fermoso Parque  Loña, para o goce dos ourensáns e de quen nos visita, que así levarían unha boa imaxe do noso patrimonio e da natureza.