Durante a 13ª videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou tamén que nin Galicia, nin España se poden permitir perder ningún posto de traballo nas industrias que son viables economicamente, referíndose a Alcoa e ás decenas de empresas instaladas no litoral, como as conserveiras, os frigoríficos ou Ence. Así mesmo, trasladou a importancia de elaborar un plan de reactivación para o sector da automoción e garantiu que, pola súa banda, Galicia seguirá traballando a través da Mesa da automoción, da que forman parte sete comunidades autónomas.
Por outra banda, e no tocante ás políticas fiscais, trasladou unha serie de medidas propostas polo comité de expertos económicos, entre as que destacou: recuperar a liberdade de amortización para investimentos; exención por reinvestimento de beneficios extraordinarios; supresión da limitación á compensación de bases impoñibles negativas; e a redución da tributación indirecta que grava prestacións en servizos como a hostalaría.
Unha vez recuperada a partir deste luns a mobilidade entre as catro provincias galegas, o titular da Xunta expuxo a necesidade de abrir máis pasos fronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, e entre Galicia e Asturias, que tamén entra na fase 3.
Así, ademais dos pasos xa abertos con carácter ordinario -Tui e Valença, Chaves e Verín- e do paso de Calvos de Randín, que está abrindo de maneira puntual, Feijóo solicitou a apertura para mercadorías e para persoas, “como mínimo”, dos pasos de: Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monção, Arbo-Melgaço e a ponte internacional Ponte Barxas-São Gregorio. E, no caso de Asturias, avanzou unha reunión esta tarde co presidente da comunidade veciña, para avaliar a situación da ponte de Ribadeo e poder concretar, nos vindeiros días, a circulación nela.“E tamén pedimos que esta semana se reabra ao tráfico internacional, como mínimo, un aeroporto da comunidade”, engadiu no eido da mobilidade.
Que Galicia poida executar de forma autónoma o que lle corresponda dos 16.000 M€
Nesta nova fase, o responsable da Xunta pediu ao Executivo central que faga as aclaracións sobre as competencias exactas dos presidentes autonómicos. “Entramos no estado de alarma con certa improvisación e confusión e é bo saír con certezas e con seguridade”, afirmou, expresando o desexo de que o Goberno central aclare estas cuestións para “comezar a andar o camiño para completar a reapertura de Galicia en todos os ámbitos”.
Sobre esta liña, e do mesmo xeito que a Comunidade galega xa ten aprobado un plan de rebrote, o responsable do Executivo galego avogou de novo por traballar nun plan de rebrote nacional que concrete as medidas en toda España, cun criterio homoxéneo e coordinado.
Por último, Feijóo fixo fincapé, entre outros aspectos, na “imperiosa necesidade” de contar cun protocolo único para reabrir o curso escolar en setembro; e que cada comunidade poda executar de forma autónoma e na medida das súas prioridades o que lle corresponda do reparto dos 16.000 millóns de euros, nos eidos sanitario, educativo e de servizos sociais.