jueves, 18 de junio de 2020

Presentados en Galicia os tres primeiros proxectos tractores para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19


Onte o  presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, reuníronse co comité de expertos económicos de Galicia para avaliar os tres primeiros proxectos tractores para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19, a través da tecnoloxía, a biodiversidade e a economía circular e verde.
“Presentamos hoxe tres proxectos tractores deseñados co comité de expertos: viables, con demanda, que responden a unha oferta desatendida e que teñen moito que ver coa Comunidade e co obxectivo de mobilizar investimento, innovación e emprego”, aseverou.
Así mesmo, subliñou que estas tres iniciativas, deseñadas no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) e que encaixan tamén no Pacto verde europeo, necesitarán de investimento privado e público –“concretamente investimentos europeos”, precisou-, ademais de ser claves para a necesaria transición cara á sustentabilidade, a dixitalización e a competitividade do tecido produtivo galego.
No tocante ao primeiro deles, o titular da Xunta aseverou que se trata dunha iniciativa para a xeración de hidróxeno verde a partir de fontes renovables, o que permitirá converter Galicia nun referente no ámbito da transición ecolóxica e aproveitar o incremento da xeración de renovables no horizonte 2030.
O segundo proxecto consistirá na implantación dun centro para o impulso da economía circular, co obxectivo de asegurar este principio na xestión de residuos para a súa transformación e valorización; axudar a que a Comunidade cumpra cos obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030, no que respecta á reciclaxe de residuos; e garantir a sustentabilidade económica e ambiental das gandarías.
Sobre o terceiro proxecto, Feijóo destacou que o obxectivo será o de impulsar unha xestión sustentable dos bosques, co fin de impulsar a biodiversidade forestal e pechar o círculo do aproveitamento da madeira, cun centro de fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia.
“En definitiva, imos traballar con estes proxectos, moi importantes para Galicia. Hai un nicho de mercado que está esperando por eles e, ademais, entran dentro do Pacto verde europeo e, tamén, no instrumento de recuperación temporal para o período 2021-2024, dotado con 750.000 millóns de euros. Europa está esperando proxectos maduros, competitivos e planificados con tempo coma estes”, aseverou.
Dous proxectos tractores vinculados co agro e á economía circular
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, insistiu en que os dous proxectos tractores vinculados co agro: o centro de impulso da economía circular e a produción sostible de fibra forestal, crearán, impulsarán e dinamizarán cadeas de valor estratéxicas para Galicia, a través dos seus tres eixes vertebradores, como son a propia sustentabilidade, a circularidade e o aproveitamento dos recursos naturais.
Sobre o primeiro proxecto, o conselleiro salientou que con el preténdese producir biogás e fertilizante, pero tamén apostar polo reciclado de plásticos e téxtil. Ao tempo, sinalou que dentro deste centro xestionarase o excedente dos xurros procedentes das gandarías galegas mantendo, iso si, a autoaplicación dos xurros como fertilizantes por parte dos produtores, e garantindo a sustentabilidade económica e medioambiental das explotacións.
En canto á segunda iniciativa, precisou que estas fibras teñen a súa procedencia en celulosa sustentable da madeira e noutras orixes alternativas, como son os residuos biolóxicos da alimentación, agrícolas e forestais. Este proceso tería, segundo explicou González, un consumo de arredor de 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira por ano, ademais de permitir a xestión forestal sostible de entre 100.000 e 150.000 hectáreas de monte con biodiversidade, xerando unhas 250.000 toneladas de fibra de celulosa sostible anuais.
Xeración de hidróxeno verde a partir de fontes renovables
Sobre o proxecto de instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde de 50 MW para o seu uso na industria, na mobilidade como combustible e a súa inxección na rede galega de gasodutos, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmou que esta iniciativa permitirá incrementar a capacidade de xeración renovable en Galicia, atraer investimentos e impulsar a descarbonización eficiente da economía galega, na industria, a loxística ou na edificación; ademais de fortalecer a posición competitiva do sector industrial galego.

Tal e como explicou, con esta actuación produciranse 5.100 toneladas anuais de hidróxeno que poderán abastecer unha frota de 630 camións de pila de combustible, durante un ano, e reducir as emisións equivalentes a plantar máis de 2 millóns de árbores.
Con esta iniciativa, Galicia ten unha oportunidade para posicionarse na produción de hidróxeno verde como combustible ecolóxico e factor de competitividade para o tecido industrial galego.
Por último, o coordinador do comité, Santiago Lago, referiuse a estes proxectos como unha peza fundamental para a reactivación económica. “Aínda que se van poder desenvolver moitos máis, comezamos con tres proxectos novidosos, porque o importante é desenvolvelos axiña e, unha vez que entremos nesa dinámica, seguir con outros novos. O reto, agora, está nestes tres, en concretalos o antes posible porque necesitamos froitos”, incidiu.