O PPdeG presenta unha campaña “en positivo” e centrada nos temas que lle interesan á Comunidade


Esta mañá o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, presentou a campaña do noso partido para as Eleccións Autonómicas e avanzou que tratarán os temas que lle interesan á Comunidade. 

Así, falararemos dunha Galicia en positivo, “que require do mellor de todos nós para volver a saír desta crise; que nos apaixona e que merece que os seus políticos se centren en dar solucións aos seus problemas; e á que lle interesa a economía, o emprego, a sanidade, a política social”.

Igualmente, avanzou que, ademais de ser unha campaña máis dixital e audiovisual que nunca pero igual de pegada ao territorio que sempre, os populares apostan por novos formatos de actos, con retransmisión en directo para que os poidan seguir todos aqueles que non se poidan achegar de xeito presencial; e con medidas de seguridade acordes aos tempos que corren.

GALICIA, GALICIA, GALICIA

O número dous do PPdeG tamén anunciou o lema do seu partido para estes comicios: “Galicia, Galicia, Galicia é moito máis que un lema. Non é unha frase de laboratorio, senón que é o manual de estilo deste partido; é a filosofía de toda a carreira do presidente Feijóo e a resposta a todas as preguntas que se fixo durante a súa vida política; e é a frase coa que leva moitos anos rematando as súas intervencións”. Ademais, indicou que, malia que o día despois das eleccións retiraranse as vallas, o compromiso de Feijóo con Galicia seguirá plenamente vixente.

ESCOLLER ENTRE DÚAS OPCIÓNS

O secretario xeral recoñeceu que o 12 de xullo os galegos terán que escoller entre dúas opcións: a dun goberno con experiencia, estable e con capacidade de tomar decisións que nos volvan sacar desta crise, liderado por Alberto Núñez Feijóo e cunha maioría suficiente para levar a cabo as políticas que Galicia necesita; ou a dun experimento de goberno, unha amalgama de partidos, sen líder, programa nin proxecto. “Cremos que a elección, sobre o que máis lle convén a Galicia, está moi clara e traballaremos para que esta Comunidade o día 12 teña o Goberno que merece”, engadiu.

Ademais, Tellado apuntou que hai partidos que se van pasar toda a campaña falando de Feijóo, que tratarán á Comunidade desde o desprezo porque os galegos non lles dan a súa confianza e que pintarán unha realidade paralela, aínda que para iso teñan que usar bulos. Pola contra, manifestou que os populares falarán dunha Galicia que quere volver a crecer e que o merece todo, que necesita solucións reais aos problemas reais, e que non ten un minuto que perder na recuperación económica, na mellora dos servizos públicos e para volver a colocarse na senda do crecemento.

UNHA CAMPAÑA SEGURA
En canto ás medidas de seguridade, aclarou que aprobaron un estrito protocolo no que priman os espazos exteriores sempre que as condicións o permitan, no que se obriga ao mantemento da distancia de seguridade e ao uso de materiais de protección como os xeles e as máscaras. “É evidente que o PP vai renunciar a un dos seus sinais de identidade máis recoñecible, como son os actos con mobilizacións masivas, porque queremos ser moi prudentes, cremos que a sociedade non os demanda e, canta máis seguridade teñamos hoxe, antes poderemos volver a reunirnos como o faciamos tradicionalmente”, explicou.

De igual modo, expresou que as limitacións de aforo e mobilización unidas á renuncia do presidente a este mes de precampaña obrigoulles a acometer outra novidade: “Esta campaña terá máis actos, con menos aforo. Onde antes se programaban actos comarcais, nesta ocasión teremos varios nunha tarde en concellos máis próximos”.

Neste punto subliñou a xenerosidade do presidente e a súa dispoñibilidade “porque lle pedimos un esforzo maior ca noutras campañas e aceptouno; e porque lle pedimos alongar as súas xornadas, tendo en conta que nesta campaña será na que máis obrigas teña que manter en canto á súa actividade como presidente, e tamén o aceptou”.

Con la tecnología de Blogger.