sábado, 13 de junio de 2020

Vendo a situación actual das obras da autovía A-56

O pasado 28 de outubro os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado estivemos en Sanmartiño, no Concello de Vilamarín, acompañados polo alcalde,Amador Vázquez, e membros do seu equipo de goberno, así como polo alcalde da Peroxa, Manuel Seoane.

Alí fixemos un repaso á situación actual da autovía A-56, que unirá Ourense con Guntín e desde aquí terá continuidade ata Lugo a través da A-54 (Santiago-Lugo).
Unha autovía que constará de oito tramos, 3 deles en Ourense e 5 en Lugo. Pero na actualidade tan só un está en obras, o San Martiño-A Barrela (9,8 quilómetros e 33,43 millóns de euros, cun investimento total estimado de 48,19 millóns).

Este tramo ten un longo historial; o BOE do 23 de febreiro de 2008 publicou a licitación do contrato do citado tramo  que entón tiña unha lonxitude de 8,8 quilómetros e un orzamento de 46,76 millóns. Foron adxudicadas polo Ministerio de Fomento o 12 de agosto de 2008 a “Vías e Construcciones S.A.” por importe de 32,2 millóns.

O 22 de xullo de 2010, o entón ministro José Blanco anunciou a rescisión dos contratos de Sanmartiño-A Barrela Norte e o da ligazón.

Finalmente, no ano 2014 conseguise evitar a rescisión dos contratos e as obras retomáronse en xullo de 2015, sendo ministra Ana Pastor.

Nos orzamentos de 2018 aínda vixentes hai unha consignación de 10,8 millóns de euros para continuar coas obras.

O 27 de setembro de 2018 –tralo cambio de Goberno pola moción de censura- o deputado Celso Delgado, nunha comisión de Fomento, preguntou ao secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, José Javier Izquierdo  Roncero,  sobre a situación deste tramo, respondendo que “a obra estaba parada por estar tramitándose un modificado”.

Foi esa a primeira vez que os representantes populares coñecían a existencia dese modificado, que se xustificaba entre outros motivos por adaptacións á normativa vixente, cuestións relacionadas co viaduto do  Bubal e a incorporación do  semienlace da Barrela.

O 22 de outubro de 2018, os comisionados do grupo da A-56 entrevistáronse novamente en Madrid con responsables do Ministerio de Fomento (José Javier Izquierdo  Roncero, secretario xeral de Infraestruturas, e Ángel González del Río, xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia), que lles informaron que a esa data o grao de execución era do 51 %, que non se cumpriría o prazo de xuño de 2019 e que habería que pensar máis ben en finais dese ano.

Analizada esta situación, os candidatos denunciamos a lentitude das obras, apremiando ao Ministerio para que poña todos os medios necesarios para o seu remate. E que no primeiro semestre de 2020 podamos xa circular por este tramo.

Hoxe viaxo ata A Barrela, no lucense concello de Carballedo para ver o estado do enlace da N.540 co citado tramo da autovía A.56. Puiden ver que as obras estaban moi adiantadas e que había moito movemento de camións e maquinaria. Fixen estas fotos.

Un traballador da empresa contratista informoume que está pendente a capa de rodadura, e o pintado da calzada, e que nun mes poderia estar finalizada.

Debería pois estar aberta ao tráfico neste verán.