miércoles, 24 de junio de 2020

Feijóo comprométese co desenvolvemento de Ourense, con máis sanidade, máis servizos públicos e máis infraestruturas


O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou as actuacións desenvolvidas ao longo destes últimos 11 anos en Ourense, entre as que enumerou as referidas á sanidade, aos servizos sociais ou á mellora dos comunicación e apelou ao apoio dos cidadáns para rematar xuntos o que queda por facer.

O presidente detalla, a través dun vídeo -publicado na súa conta de Twitter:
https://twitter.com/FeijooGalicia/status/1275715753132593152- as principais actuacións da Xunta nesta urbe. Trátase dunha acción conxunta ao resto das grandes cidades, nas que se fai un repaso polos principais fitos e investimentos desde 2009. A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado, antes de que a pandemia do Covid-19 viñera a cambiar o escenario de prioridades.

O líder popular ratificou o seu total apoio e compromiso co desenvolvemento da cidade, para seguir a potenciar os seus servizos públicos e garantir máis oportunidades para todos. De feito, a Xunta foi a Administración pública que máis investiu en Ourense, o que supuxo importantes avances ao longo destes anos.


Grazas a este compromiso, segundo explicou o presidente do PPdeG, Ourense ten un Hospital Público ampliado e renovándose, con novos servizos como a Hemodinámica funcionando as 24 horas os 365 días do ano, o de resonancia magnética, a nova unidade de hospitalización de psiquiatría de agudos e o novo aparcadoiro. O obxectivo agora é licitar o novo edificio de hospitalización o vindeiro ano.

Súmanse a isto as actuacións no ámbito da atención primaria, como o novo centro de saúde do Couto, no que se investiron máis de 3 millóns de euros.


MÁIS PRESTACIÓNS PARA OS MAIORES

Tamén repasou as actuacións levadas a cabo en servizos sociais, como máis garderías públicas, máis axudas a dependentes, ou máis prestacións para os maiores.

O número de prazas en garderías públicas en Ourense duplicouse desde hai unha década, de xeito que a ratio de prazas chega xa o 41 por cento, fronte ao 24 de 2009.

En canto ás prestacións para os maiores, téñense incrementado un 25 por cento as prazas públicas en Ourense desde o 2009, con novas dotacións, como a posta en marcha do Centro Interxeracional da Farixa ou a nova residencia do barrio do Pino, que suporá 120 novas prazas e a creación de 110 empregos.

Así mesmo, o novo centro de atención á discapacidade aumentará nun 35 por centro as prazas públicas.

ACTUACIÓNS EN EDUCACIÓN

O apoio á educación traduciuse en numerosas iniciativas, entre as que figuran o investimento de máis de 11 millóns de euros na ampliación da Escola Oficial de Idiomas, do IES Universidade Laboral e a rehabilitación dos CEIP de Seixalbo e Portovello.

Tamén a rehabilitación integral do IES do Couto, a reforma completa do CEIP Prácticas, xa en marcha; e as previstas de rehabilitación integral dos CEIP Mestre VIDE e Virxe de Covadonga.

Outro dos eixos de actuación nestes anos refírese á aposta pola Formación Profesional, coa ampliación do CIP da Carballeira ou o Centro Galego de Innovación na FP.

Entre as dotacións para a cidade, destacan o novo edificio xudicial, xa rematado, con capacidade para 24 Xulgados e 15 salas de vistas; a Biblioteca Pública “Xeración Nós”; ou a nova pista de atletismo, que é unha das máis grandes de España.

Ademais acometéronse actuacións de reforma da Catedral e un novo albergue de peregrinos no Casco Vello. Outras das accións desenvolvidas foron as rehabilitacións no Casco Histórico e no barrio da Covadonga; xunto coa adecuación das contornas urbanas, para a mellora da praza e alameda de Covadonga, da Alameda da Ponte, e a posta en valor da Ponte Romana.

REFERENTE VITIVINÍCOLA, AGROALIMENTARIO E TURÍSTICO

No eido económico, Ourense é referente en sectores como o vitivinícola, o agroalimentario, a innovación e o turismo. A aposta estratéxica polo novo Campus da Auga supuxo un impulso ao termalismo, un sector de grande interese.

Ourense, afirmou o líder do PPdeG, está agora mellor conectada, e aínda o estará máis cando se remate a conexión do Polígono de San Cibrao ou a estación intermodal que será a entrada do AVE en Galicia.

Cómpre resaltar que a cidade é tamén un exemplo pioneiro de autobús compartido e baixo  demanda, que beneficia a preto dun milleiro de familias. A isto engádese a renovación das liñas de autobuses, atendendo á conexión entre a cidade e o Polígono de San Cibrao das Viñas.