A Xunta reitera o apoio á cadea mar-industria ante un proxecto de Lei de Cambio Climático do Estado que ameaza a seguridade xurídica e a viabilidade económica de todo o sector

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiteraron hoxe o apoio da Administración galega a toda a cadea mar-industria ante un proxecto de Lei de Cambio Climático do Estado que ameaza a seguridade xurídica e a viabilidade económica de todo o sector.
 
Nela Feijóo lamentou que con este documento se intente facer “unha modificación pola porta de atrás”. “Non podemos aceptar este plantexamento. Non podemos ver como se esnaquiza o sector máis importante de toda a Unión Europea, na rexión máis importante no eido da pesca e da conserva de toda a UE, aproveitando un estado de alarma e unha lei que nada ten que ver coa costa”, abundou.

Tras a reunión, Feijóo subliñou que se a reforma da Lei de Costas que plantexaba o Goberno central hai algo máis dun ano non ten sentido, ao non ter en conta as peculiaridades do litoral galego e do seu tecido produtivo, tampouco ten sentido agora tentar volver a levala a cabo a través da inclusión dun artigo no proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.


“En abril do pasado ano anunciouse a modificación da Lei de Costas, posteriormente, no mes de febreiro acordouse non tocar as concesións no ámbito das zonas marítimo-terrestres para as industrias asentadas de forma legal e, cando pensabamos que este asunto quedaba resolto, atopámonos cun artigo no proxecto de Lei de Cambio Climático, que non é unha norma de costas e que se tramita durante o estado de alarma, sen dialogar nin coa Comunidade nin co sector”, expuxo.
Diante desta situación, o responsable do Goberno galego insistiu en que a Comunidade seguirá traballando, sen dar este asunto por perdido. “Acudiremos a onde sexa necesario. Temos un Plan de ordenación do litoral; un novo Plan da economía sustentable, aprobado por Europa; temos aprobado o noso proxecto de economía circular; e somos unha comunidade que está rebaixando as emisións de CO2 de forma continuada”, dixo, apelando ao sentido común.


Feijóo concluíu facendo fincapé en que esta modificación afecta un mínimo de 100 empresas da cadea mar industria que dan emprego a arredor de 3.000 persoas así como as preto de 5.000 edificacións con licencia que se atopan en espazo marítimo-terrestre. “Falamos de cetarias, depuradoras, conserveiras... en definitiva, da nosa forma de vida desde hai séculos”, sentenciou.


Pola súa banda, o presidente da Asociación galega de depuración e comercialización de mariscos (Agade), Roberto Fariña, trasladou a sorpresa da cadea mar-industria ante o proxecto de lei e incidiu na viabilidade e a sustentabilidade do sector. “Pedimos que se recoñeza o uso da costa como tal. Somos empresas sustentables que requirimos da costa para traballar. Pedimos sentido común e que se recoñeza a realidade socioeconómica de Galicia, da cal viven todos os municipios costeiros da comunidade”, explicou.


Con la tecnología de Blogger.