martes, 12 de mayo de 2020

O Partido Popular de Ourense esixe ao Goberno que garanta a autonomía recoñecida polas leis ás entidades locais para a xestión dos seus recursos


Hoxe os grupos provinciais do Partido Popular e Democracia Ourensana veñen de rexistrar unha moción conxunta para o seu debate no pleno do presente mes de maio, na que instan ao Goberno central a non utilizar os poderes excepcionais que lle confire o estado de alarma, “nin outros subterfugios legais” para apropiarse dos aforros das entidades locais, garantindo a autonomía recoñecidas polas leis para a xestión dos seus recursos. 

Unha iniciativa, explica o portavoz do grupo provincial do PP e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, coa que “pretendemos defender a xestión eficiente e rigorosa que fixeron as entidades locais na última crise económica, sendo quen de xerar un saldo positivo nas súas contas, ademais do esforzo realizado nesta crise sanitaria para conter a expansión do virus e dar apoio á poboación máis vulnerable”.

A moción de PP e DO lembra que a propia Constitución, nos seus artigos 137, 140 e 142, recoñece a autonomía de xestión, a personalidade xurídica plena e a necesaria disposición de recursos suficientes para o desempeño das funcións das entidades locais, principios que se garanten a través das leis, como as Bases de Réxime Local, e que, subliña Plácido Álvarez, “aseguran aos municipios e provincias o seu dereito para intervir en cantos asuntos afecten directamente aos seus intereses, dotando ás facendas locais de recursos suficientes que proceden tanto de tributos propios como das achegas das administracións autonómica en central”.

O portavoz popular explica que con esta iniciativa política “queremos saír ao paso da preocupación xerada pola actuación do Goberno central e as declaracións de membros do seu executivo, “nas que aluden a un posible uso dos recursos das entidades locais por parte do Estado”. Refírese Álvarez á negativa inxustificada do pagamento do IVE correspondente a decembro de 2017, á “posible confiscación” do superávit xerado en 2019 (5.000 millóns de euros) e dos recursos que posúen nas entidades bancarias (28.000 millóns), “logo de que a ministra de Facenda deixara caer que ese superávit podería utilizarse para cubrir gastos que o resto de administracións non chegaran a cubrir”.

Os grupos popular e Democracia Ourensana amosan o seu total rexeitamente a calquera paso neste sentido, advierte Plácido Álvarez, “o que na práctica suporía apropiarse do diñeiro da veciñanza e aproveitarse do resultado dunha xestión eficiente e rigorosa que as entidades locais fixeron durante a última crise económica, axudando a cumprir cos obxectivos de déficit fixados pola UE”. Aínda máis, afirma, “cando veñen de asumir desde hai anos competencias impropias sen recibir o financiamento axeitado e nesta pandemia demostraron a súa capacidade, poñendo en marcha medidas do máis diverso tipo para evitar a expansión do virus e apoiar á poboación”.

Xusto cando as entidades locais están a reclamar desde hai anos unha maior flexibilidade para aplicar os superávits xerados, “non é de recibo que se ameace con convertilas en táboa de salvación para este goberno, que non foi quen de aprobar uns orzamentos estivo máis pendente da propaganda que da xestión seria e rigorosa dos recursos de todos os españois e que só conseguiu incrementar o déficit público español por primeira vez desde 2012”.

CINCO PROPOSTAS DE ACORDO 

Baixo estas premisas e en resumo, a moción inclúe os seguintes cinco puntos de acordo, instando ao Goberno a:

1.- Non utilizar os poderes excepcionais que lle confire o estado de alarma, nin outros subterfugios legais, para apropiarse dos aforros das entidades locais vulnerando preceptos constitucionais e leis en vigor.

2.- Respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos, para a xestión do diñeiro público que é de todos e cada un dos españois, non dun goberno en concreto.

3.- Flexibilizar as regras para que as entidades locais podan utilizar os seus superávits para implementar aqueles servizos e medidas que permitan actuar contra a pandemia, sempre en coordinación coas Comunidades Autónomas e o Estado.

4 -Que no caso de pretender modificar algunha das leis que afectan á autonomía, facenda ou estabilidade financeira das entidades locais, se valide no Congreso dos Deputados, dado que a declaración do estado de alarma non interrompe o normal funcionamento dos poderes do Estado.

5.- Cumprir o acordado pola FEMP e o Goberno de España na reunión do 20 de abril de 2020, na que estivo presente o Presidente do Goberno e na que se acordou que non se expuxesen cambios no Congreso sen estar previamente acordados coas entidades locais.