O presidente galego Alberto Núñez Feijóo manifestou en rolda de prensa posterior á duodécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos a súa preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de Costas. “Se imos recibir fondos da UE para relanzar a economía e para axudar a sectores que están nunha situación moi delicada, sería un gravísimo erro que estes non se aplicasen ás industrias e que deixemos esmorecer industrias que son claves para Galicia e para España”, dixo, urxindo ao Goberno central que fixe un prezo da enerxía competitivo.
“Non ten ningún sentido que unha actividade considerada esencial durante a pandemia se deixe pechar”, abundou, incidindo en que sería inaceptable que se perdan empregos polo deixamento do Goberno de España durante meses.
Así mesmo, trasladou a inquedanza que están a vivir centos de empresas que en Galicia se dedican aos eventos festivos: “Orquestras, empresas de pirotecnia, negocios ambulantes... precisan saber que vai ser deles nas próximas semanas e meses”, dixo, precisando ademais que os concellos necesitan contar cunhas instrucións claras sobre cando se poden celebrar estes eventos e en que condicións de seguridade.
Máis alá de que se concreten os criterios de reparto dos 16.000 millóns de euros comprometidos e logo de que a Unión Europea fale xa dunha bolsa de recursos para afrontar a pandemia de 750.000 millóns de euros, dos cales 140.000 lle corresponderían a España, Feijóo trasladou a necesidade de articular un novo fondo para as comunidades autónomas. Non en van, recordou que as administración autonómicas están sostendo o 50% do gasto público, o 100% do gasto sanitario e boa parte do gasto educativo e de servizos sociais.
O presidente da Xunta pediu ademais ao Goberno que defina un plan de rebrote a nivel nacional que, baixo un criterio común, permita dar unha resposta coordinada e eficaz. Sobre este punto, confirmou que, pola súa banda, o comité clínico de expertos sanitarios de Galicia aprobou hai semanas un plan de actuación no caso de que se dea algún rebrote na Comunidade.
Ademais de insistir en pedir a mobilidade entre as provincias galegas, que están na mesma fase, Feijóo referiuse tamén a importancia de retomar o paso da ponte en Ribadeo, “para poder conectar esa parte de Galicia con esa parte de Asturias”, así como a mobilidade transfronteiriza co Norte de Portugal.
“E plantexamos que non se adiante a mobilidade entre comunidades que se atopan en distinta fase”, expuxo, ante a preocupación dalgún concellos que comezan a notar a presenza de persoas procedentes doutras autonomías.