domingo, 17 de mayo de 2020

Lembrando no Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero

A Real Academia Galega celebrou hoxe o Día das Letras Galegas que este ano dedica a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) cunha homenaxe ao pé do que foi o seu fogar en Santiago de Compostela, na rúa Carreira do Conde. 


O acto consistiu nunha sinxela ofrenda floral debido ao estado de alarma declarado pola pandemia de coronavirus, que obrigou a adiar ata outubro o pleno extraordinario da RAG do 17 de maio que ía ter lugar en Ferrol, a localidade natal do homenaxeado. 


"Achegámonos a este lugar para ofrecer un ramo de flores na memoria de Ricardo Carvalho Calero nun sinxelo acto cheo de afecto, admiración e agradecemento. Moitos de nós fomos alumnos seus, lembramos o seu maxisterio, o seu traballo, a súa lealdade á causa de Galicia, o seu compromiso e a súa esixencia, que se concreta nunha obra nalgúns momentos certamente extraordinaria, monumental, moito máis se consideramos as circunstancias nas que a foi construíndo", salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Tras as palabras do presidente, a académica Margarita Ledo deulle voz a outro poema no que Carvalho Calero volveu recorrer ao cometa Halley para trazar un retrato da súa xeración, o dedicado ao seu "irmán" Álvaro Cunqueiro en 1980, o mesmo ano en que o catedrático lle deu a benvida ao escritor de Mondoñedo na USC como doutor honoris causa. "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século".



Noutra situación, a RAG estaría hoxe na cidade de Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, celebrando na súa lembranza o tradicional acto académico do 17 de maio, recordou Víctor F. Freixanes. "Mais os tempos e as circunstancias obrígannos a actuacións extraordinarias. Agardemos que, con máis acougo poidamos celebrar o noso pleno extraordinario o 31 de outono próximo, coincidindo co 110 aniversario de don Ricardo, que naceu o mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley", expresou en referencia a un dos poemas do escritor, filólogo e profesor, "Halley: 1910-1987".

O presidente tamén tivo palabras de afecto para as fillas de don Ricardo, Margarita e María Victoria Carballo-Calero, que non puideron acudir ao acto por mor das restricións á circulación interprovincial vixentes.

Sinto por mor desta pandemia no poder participar nos actos conmemorativos desde Día.