A Deputación de Ourense aproba dúas liñas de axudas para autónomos e Pemes da provincia


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu a coñecer hoxe unha importante medida dentro da estratexia de cooperación que está a impulsar desde o goberno provincial para paliar a grave crise sanitaria, social e económica do  COVID-19 na provincia de Ourense.

Trátase de dúas liñas de axudas para autónomos e Pemes da provincia, para as que a Deputación destina case catro millóns de euros (3.825.000 €) e que teñen como obxectivo axudar aos autónomos que tivesen que acollerse ao cesamento de actividade como consecuencia da crise do coronavirus, e tamén ás pequenas empresas que sufrisen unha perda de facturación igual ou superior ao 50 %.

É a primeira vez que a Deputación de Ourense pon en marcha estas axudas directas e específicas, sendo neste sentido un dos gobernos provinciais pioneiros en España. "Trátase de destinar case catro millóns de euros en subvencións para autónomos e Pemes radicadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, uns sectores que son prioritarios para o goberno provincial na estratexia de reactivación económica que xa iniciamos desde a Deputación de Ourense", afirma o presidente Baltar.

Manuel Baltar deu a coñecer estas medidas económicas ao termo da reunión da Xunta de Goberno celebrada  telemáticamente hoxe venres, con 25 puntos na orde do día, na que tamén se aprobaron axudas para 13 municipios, destinadas a obras de infraestruturas, servizos, eficiencia enerxética, saneamento, cultura, deporte e equipamentos.

No caso das axudas a autónomos, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a traballadores autónomos dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia de Ourense que se acollesen ao cesamento de actividade na crise do  COVID-19.

O procedemento de concesión das subvencións é o de concorrencia non competitiva, e a concesión das subvencións realizarase de forma continua, ata esgotar o orzamento previsto, segundo a orde de recepción das solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de dezaoito anos que cumpran os seguinte requisitos: ser traballadores autónomos, incluídos no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios, figurando dados de alta no Imposto de Actividades Económicas; exercer unha actividade económica con carácter empresarial, profesional ou artística por conta propia nun municipio da provincia de Ourense de poboación inferior a 20.000 habitantes; ter recoñecida a prestación extraordinaria por cesamento de actividade prevista no artigo 17 da Real Decreto Lei 8/2020 do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do  COVID-19.

A subvención terá unha contía de 600 euros, que se farán efectivos nun pago único.

Axudas para  Pemes.

En canto ás axudas para Pemes, A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a pequenos empresarios dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia afectados pola crise do  COVID-19, nos seguintes termos.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas ou as entidades sen personalidade xurídica que cumpran os seguintes requisitos: exercer unha actividade económica nun municipio de menos de 20.000 habitantes da provincia de Ourense, figurando de alta no Imposto de Actividades Económicas; tratarse de pequenas empresas que teñan un número de traballadores inferior a dez persoas a data 14 de marzo de 2020, e ter, no exercicio 2019, unha facturación anual a afectos do IVE inferior a un millón de euros; que a actividade económica realizada non se vise afectada polo peche obrigatorio durante o estado de alarma declarado como consecuencia da pandemia do  COVID–19; e que a súa facturación a efectos do IVE durante o período do 14 de marzo ao 30 de abril de 2020 vísese reducida nun 50 % ou máis con respecto á facturación media do exercicio 2019.

A subvención non poderá exceder de 1.000 euros por solicitante.

As solicitudes para ambas as liñas de axudas deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, de modo presencial ou telemático, neste último caso a través da sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense ( https://sede.  depourense.es). O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Con la tecnología de Blogger.