jueves, 23 de abril de 2020

Vázquez Almuiña: "Estamos ante o maior reto sanitario da historia de Galicia" e “desta crise sairemos máis reforzados”


Onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu a petición propia ante a Deputación Permanente para informar sobre a evolución da pandemia por COVID-19 en Galicia e as actuación realizadas dende o sistema sanitario.
Segundo afirmou Almuiña, dende o primeiro momento ”intentamos adiantarnos e tomar medidas dentro das nosas competencias” para afrontar o que definiu como “o maior reto da historia sanitaria de galega”. 

Una anticipación que Almuiña resumiu en distintas medidas adoptadas polo seu departamento, moitas delas de xeito simultáneo, na actuación fronte á pandemia.
Destacou tamén o conselleiro as actuacións para o diagnóstico e illamento precoz, con reforzo do persoal con equipos para de toma de mostras en domicilio e COVID-auto, seguimento domiciliario de casos positivos, medicina preventiva, microbioloxía e urxencias-061, cun total de 251 efectivos. Así mesmo reforzáronse as unidades de hospitalización e área de urxencias, tanto con incremento de dotación como con gardas de persoal cun total de 1.164 efectivos. Tamén se lle prorrogou por un ano o contrato 332 efectivos de persoal laboral residente no seu último ano de formación, coas funcións propias de persoal estatutario que se correspondan coa súa especialidade de formación.
Ademais autorizouse desde o Sergas 186 profesionais para dar cobertura asistencial nas residencias sociosanitarias integradas.
Plan de continxencia e asistencia Sanitaria
O conselleiro de Sanidade quixo destacar a importancia do Plan de continxencia para a Covid-19 no ámbito da atención primaria e hospitalaria, liderado polo grupo de Expertos do Sergas e no que se establecen catro diferentes fases en base ao grao de ocupación dos servizos de urxencias e coidados críticos, así como das plantas de hospitalización.
En atención primaria regulouse o acceso aos centros sanitarios co obxectivo de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera; reprogramáronse consultas potenciouse a consulta telefónica e a atención domiciliaria, así como a utilización da plataforma de Telea con preto de 3.000 pacientes, o 55% dos pacientes en domicilio; e reorganizouse a atención pediátrica, establecendo un circuíto diferenciado de pacientes e mantendo a vacinación infantil especialmente nos 15 primeiros meses e sempre garantir as vacinas que corresponde administrar aos 2 meses e 4 meses.
Durante a súa intervención, Almuiña lembrou que ningún paciente galego, independentemente da súa idade, sexo ou área sanitaria,quedou sen recibir o tratamento axeitado. Referiuse tamén ás medidas adoptadas en materia asistencial nos primeiros momentos da pandemia, como a restrición de visitas dos familiares aos hospitais ou a suspensión de visitas de representantes comerciais aos centros sanitarios entre outras. 

Cómpre suliñar que o día 13, con anterioridade ao Estado de Alarma, declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da comunidade autónoma de Galicia, e que antes de rexistrar o primeiro caso, reforzouse pola vía de emerxencia a resposta á pandemia coa contratación de profesionais e coa compra de máis respiradores e aparatos de raios para urxencias.
Desde o primeiro momento potenciouse a realización do maior número posible de PCR e estableceuse un dispositivo de recollida de mostras a domicilio , ademais de desenvolver undispositivo con cov-auto, de forma pioneira en España, que consiste nun sistema de probas rápidas dende os vehículos con cita previa en tódolos distritos sanitarios. Tamén se adoptaron medidas no ámbito da prestación farmacéutica, para minimizar as saídas dos domicilios e que os pacientes tiveran garantida a súa medicación, en coordinación cos colexios oficiais de Farmacia.
Compra de equipamento de diagnóstico, tratamento e materiais de protección
Unha das maiores apostas da Consellería de Sanidade fronte á pandemia foi a adquisición de equipamento de diagnóstico, tratamento e materiais de protección para profesionais e pacientes. O conselleiro fixo un reconto dos investimentos realizados ata o de agora neste apartado.
Segundo lembrou, para dotar ás unidades asistenciais do material necesario para facer fronte á situación de pandemia, realizouse un investimento de 7,34 M€ en ventiladores, aparatos portátiles de raios X, mamparas, mobiliario, monitores, ecógrafos, desfibriladores.
Ademais adquiriuse material de protección por un importe de 22,2 M€ en máscaras, batas, solución antiséptica, luvas, gafas..., do que xa se recepcionou material valorado en10,5M€. Tamén se asinou un convenio de colaboración entre Osakidetza e o Sergas para subministración de 70.000 máscaras sanitarias, entre os meses de marzo e xuño, por importe de 232.078 €. O conselleiro anunciou que nos próximos catro meses vanse adquirir kits de diagnóstico (PCR), máscaras, luvas, batas, e desinfectantes entro outros produtos por un importe de 15,45 millóns de euros.
Medidas en residencias de maiores e outros centros sociosanitarios
No transcurso da súa comparecencia, Almuiña referiuse ás medidas adoptadas polo Sergas nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios. Entre elas destacan a supervisión polas áreas sanitarias das residencias e centros da súa zona para avaliar o estado de saúde das persoas residentes e anticiparse ante unha posible infección polo COVID-19.
Tamén falou das medidas coordinadas coa Consellería de Política Social para actuar ante a aparición dun caso nestes centros, evitar a aparición dun brote e xestionar de maneira axeitada se aparece un brote. Así mesmo referiuse á creación das residencias integradas destinadas ao seguimento e tratamento das persoas con COVID-19 positivo con sintomatoloxía leve, nas que non é necesaria a hospitalización. O obxectivo destas residencias é preservar aos residentes dos centros de orixe dun posible contaxio e, ademais, agrupar os casos confirmados de COVID-19 para realizar un tratamento continuado con persoal sanitario do Sergas.
Ademais se referiu ao establecemento de medidas de intervención en residencias con casos confirmados de COVID-19 nas que o Sergas asume o control sanitario e a realización de probas de PCR para a detección precoz de casos COVID-19 progresivamente en todas as residencias de maiores.
Noutra orde de cousas, o conselleiro fixo fincapé no traballo referido á información á poboación. Así creouse unha páxina web que tivo 943.237 accesos, incluso con persoas doutras CCAA. Incorporouse ademais un novo número de información gratuíta, o 900 400 166, cunha dotación de case 100 teleoperadores nun call center externo que leva acumuladas 76.514 chamadas. 

En canto ao 061, incrementouse o persoal na central de chamadas, pasando os médicos coordinadores dun máximo por turno de 8 médicos antes da pandemia, ata un máximo por tquenda de 13 no momento actual; mentres que o persoal de enfermería de consulta pasou de unha persoa por quenda ata un máximo de 5: e os teleoperadores pasaron dun máximo por quenda de 11 ata alcanzar os 19. Dende o principio da pandemia atendéronse no 061 272.200 chamadas. Ademais se reforzou a rede de transporte sanitario urxente con ambulancias específicas para traslado de pacientes sospeitosos ou confirmados de infección por Covid-19.
Incorporación á nova normalidade

Non quixo rematar a súa comparecencia o conselleiro de Sanidade sen referirse ao que sería a incorporación ao que chamou “nova normalidade”. Para isto, dixo Almuiña, é esencial en primeiro coñecer o grao de circulación do virus na comunidade, o que será posible grazas ao estudio epidemiolóxico de seroprevalencia que vai realizar a Consellería, segundo informou a pasada semana ao Consello da xunta e que completará e ampliará a información do “Estudio nacional de seroprevalencia”. Este estudio proporcionará información útil para planificar as medidas de illamento e para estar preparados ante posibles rebrotes.
O conselleiro de Sanidad pechou a súa comparecencia destacando que “estamos ante o maior reto sanitario da historia”, pero que está convencido de que “desta crise sairemos máis reforzados” xa que Galicia ten os mellores profesionais sanitarios, boas infraestruturas e equipamentos; un Goberno volcado cos pacientes e unha sociedade implicada nun obxectivo común.