Sigo hoxe pola TVG a rolda de prensa na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu claridade ao Goberno de España e que o mando único garanta información contrastada e homologable no conxunto das comunidades que conforman o Estado.
Deste xeito, Feijóo referiuse á necesidade de clarificar os datos de afectados polo coronavirus. “E para iso é imprescindible saber cantos test se están a realizar en cada comunidade”, dixo, expoñendo ademais a necesidade de diminuír as incertezas no tocante ao número de falecidos.
En segundo lugar, solicitou coñecer as previsións do comité clínico nacional e insistiu na utilidade de informar o estudo epidemiolóxico que o Goberno vaia elaborando. “Contar cos datos de previsión que manexa o Goberno central é un instrumento para poder traballar en cada comunidade e prepararnos sobre a evolución do virus e valorar se pode haber rebrotes”, explicou.
Durante a videoconferencia con Pedro Sánchez e cos outros presidentes autonómicos, Feijóo recoñeceu que tamén suporía un gran avance que o Executivo de España adquirise test rápidos concluíntes para os positivos, xa que os test adquiridos ata o momento, precisou, son bos para facer estudos epidemiolóxicos, pero non son definitivos nos diagnósticos.
Así mesmo, reiterou a necesidade de establecer un protocolo de utilización das mascarillas, se ben fixo fincapé en que este material debe entenderse como unha medida complementaria pero nunca como reemprazo das medidas de distanciamento social. “Con mascarilla ou sen ela segue sendo imprescindible a distancia de seguridade”, recalcou.
Ao longo da reunión, Feijóo informou tamén das medidas que a Administración autonómica está a desenvolver nas residencias de maiores e de discapacitados internos, que seguen a ser prioritarias para a Xunta. E trasladou a preocupación polos efectos do confinamento nos nenos, plantexando a necesidade de buscar unha fórmula pactada cos expertos para que poidan saír “de forma controlada, limitada, ocasional e segura, da man do seu pai ou da súa nai”.
Aprazar impostos e axilizar os créditos do ICO
No ámbito económico, o titular do Goberno galego solicitou aprazar os impostos estatais ata –como mínimo– un mes despois de que finalice o estado de alarma, como a Xunta fixo cos impostos autonómicos e os cedidos. Do mesmo xeito, considerou necesario tanto clarificar a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros en mercados municipais como o impacto da crise no sector marisqueiro.
Nesta mesma liña, trasladou a preocupación polo ritmo no que se están a executar os créditos do ICO. De feito, sinalou que algunhas entidades financeiras non teñen ningunha operación autorizada cando estes créditos son fundamentais porque, lembrou, “hai que pagar impostos e nóminas”. En consecuencia, pediu que a dispoñibilidade do ICO se amplíe dunha forma máis xenerosa en lugar de distribuírse de 20.000 en 20.000 millóns, para darlle seguridade ás empresas.
Decisión unilateral do Goberno de confiscar tamén os fondos en materia de vivenda
Por último, o presidente da Xunta reprochou a decisión unilateral do Goberno central de confiscar os 100 millóns das políticas activas de emprego, e agora tamén os orzamentos que as comunidades xa tiñan comprometidos en materia de vivenda.
“Se temos que dedicar o diñeiro do plan de vivenda a financiar os programas do Goberno central, é evidente que estamos indo en sentido contrario, xa que en vez de acrecentar a confianza entre as comunidades e o Goberno, estamos acrecentando a desconfianza”, lamentou, remarcando que “non ten sentido que as decisións do Goberno central se financien con fondos das comunidades autónomas; e isto é decepcionante”.
Nesta liña, precisou que estes recursos estánselle quitando a moitas familias que contaban cunha axuda para vivenda, e tamén aos preto de 3.000 postos de traballo que se estima que xeran cada ano esas subvencións que agora están comprometidas.