A Xunta apoia ao sector da Lousa coa licitación de obras de mellora do firme en estradas ao seu paso por Carballeda de Valdeorras


É de celebrar que a Xunta publique hoxe na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación das obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, ao seu paso polo concello de Carballeda de Valdeorras, cun investimento de máis de 1 millón de euros. Esta actuación comprenderá intervencións na estrada OU-122 desde o pq. 16+400 ata o final da mesma na fronteira coa provincia de León no 26+260 e na estrada OU-123 ao completo desde a mesma OU-122 a Casaio.  
Os traballos obxecto de este contrato prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros. As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.
Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta intervirá nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre o mesmo para rehabilitalo. 

Trátase, por tanto, dunha intervención que vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras.
A conservación en bo estado das infraestruturas viarias da rede autonómica é unha das prioridades do Xunta de Galicia. Con esta licitación, o Goberno galego continúa a reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, ao tempo que impulsa investimentos para favorecer a actividade económica.

Parabéns ao presidente Feijóo por apoiar con esta obra ao sector de lousa, que en Valdeorras da emprego directo a preto de 2.500 traballadores e de maneira indirecta a 10.000 persoas, representando o 26% do produto interior bruto da comarca. E noraboa a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras impulsora desta actuación.


Con la tecnología de Blogger.