A Xunta a comprométese a impulsar medidas que contribúan a minimizar o impacto da crise do coronavirus nas obras públicas e no sector da construción



A paralización derivada do peche de actividades non esenciais decretadas o domingo polo Goberno do Estado, tamén impactou fortemente no sector das obras públicas e da construción en xeral.


Antes de decretarse esta paralización, a Xunta de Galicia mantiña activas aproximadamente o 80% das obras dependentes da administración autonómica, para as que habíanse ditado instrucións e aplicando de forma estrita as medidas de prevención de contaxios e os protocolos sanitarios establecidos.

Pois ben, agora Xunta de Galicia comprométese a impulsar medidas que contribúan a minimizar o impacto da crise do coronavirus nas obras públicas e no sector da construción. Para iso axilizaranse os pagos das certificacións presentadas polas empresas correspondentes aos traballados xa executados e artellaranse medidas para dinamizar coa maior intensidade as obras públicas unha vez se levanten as restricións derivadas da emerxencia sanitaria do COVID-19.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez ao presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino e aos representantes das asociacións provinciais e da Cámara de contratistas de Galicia nunha reunión, por videoconferencia, na que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

O Goberno galego e os membros da patronal da construción comparten a necesidade de priorizar a atención á emerxencia sanitaria e a protección á poboación.  Xunto con isto, no encontro co sector, a titular de Infraestruturas e Mobilidade puido constatar a preocupación das empresas e profesionais pola situación xerada pola suspensión da actividade, tanto no inmediato, que afecta de forma inmediata á súa liquidez, como polas perspectivas de futuro, tendo en conta os máis de 76.000 traballadores da construción afectados en Galicia, dos cales máis de 26.000 son autónomos.

En relación coas obras públicas, a paralización de actividades afecta aproximadamente a 80 obras públicas impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que supoñen un investimento de case 240 millóns de euros.

A curto prazo, a Consellería de Infraestruturas garante o seu apoio ao sector e comprométese a axilizar en todo o posible os pagamentos das certificacións de obras xa presentadas polas empresas correspondentes aos traballos xa executados.

A Xunta e os representantes dos empresarios da construción coinciden, tamén, na conveniencia de que se habiliten, desde o Goberno de España, os mecanismos para, mediante o teletraballo, avanzar na tramitación administrativa relacionada con determinados procedementos, de forma que se facilite a reactivación da actividade cando as condicións sanitarias o permitan.

O Goberno galego e a Administración coincidiron, tamén, na necesidade de preparar o escenario do “día despois” e, neste sentido, a Xunta indicou que está a traballar xa na planificación de medidas que contribúan a dinamizar coa maior intensidade posible o sector da obra pública, unha vez que se levanten as restricións derivadas da emerxencia sanitaria, axilizando as adxudicacións pendentes e impulsando novas contratacións.

No encontro entre a Administración autonómica e o sector da construción, as empresas trasladaron que están preparadas para volver ao traballo en canto sexa posible e con garantías de seguridade, xa que nas últimas semanas, en colaboración coa Xunta, adoptaron as medidas e dotáronse do material necesario para garantir a seguridade dos traballadores e previr contaxios nas obras. Polo tanto, aseguraron que cando se levanten as actuais medidas restritivas poderán garantir a seguridade na súa actividade.

Con la tecnología de Blogger.