martes, 31 de marzo de 2020

Galicia pon en marcha dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada coa que conta a Comunidade

Sigo hoxe por televisión a roda de prensa na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou novas medidas para afrontar a pandemia do coronavirus, tanto no eido sanitario como no eido das residencias de maiores e de discapacitados internos, entre as que destacou a posta en marcha de dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada coa que conta a Comunidade.
Logo de manter onte unha nova reunión co comité clínico, na que se avaliou a situación da pandemia, Feijóo explicou a decisión de que a xerencia da área de saúde da Coruña e da área de saúde de Santiago inicien todos os preparativos para instalar dous hospitais de reforzo: un na cidade da Coruña e outro na cidade de Santiago. Así, na Coruña, o hospital de reforzo instalarase no recinto feiral e contará cun aforo de entre 200 e 300 camas a maiores; e, no caso de Santiago, o recinto para albergar o hospital será o Multiusos do Sar, onde se instalarán entre 100 e 150 camas adicionais a toda a planta hospitalaria pública e privada que existe na área sanitaria de Compostela.
Nesta mesma liña, e no tocante á área de Vigo, o titular do Goberno galego resaltou que a Xunta non descarta utilizar o Ifevi como hospital adicional para completar todo o aforo público e privado da cidade olívica, se ben ata o momento considérase suficiente co novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para pacientes sen coronavirus. 
“E tomamos a decisión de poñer en marcha por parte do 061 unha noria de ambulancias, é dicir, dun sistema de traslados específicos para os pacientes de coronavirus, nos que se priorizarán os traslados entre estes novos hospitais”, engadiu, referíndose tamén á decisión, onte, de poñer gratuitamente a disposición dos traballadores sanitarios unha serie de hoteis para os que o precisen. 

Priorizar os tests de diagnóstico nas residencias 


Por outra banda, o responsable do Goberno galego aseverou que as residencias de maiores e de discapacitados internos seguen a ser unha das prioridades da Administración autonómica. “Seguiremos actuando para previr contaxios e para dar resposta aos que se produzan”, afirmou, anunciando a decisión de priorizar os tests de diagnóstico nas residencias de Galicia, tanto aos residentes como aos empregados. “O obxectivo é chegar a todos os centros, comezando por aqueles nos que se teñen detectado casos e levando a cabo arredor de 800 tests diarios para completar o mapa de todas as residencias”, dixo. 
“Seguiremos ademais implementando os protocolos activos desde hai semanas. Estamos facendo reparto de material diariamente. Hai unha supervisión sanitaria continua do que sucede en cada unha delas. E seguimos tratando de illar ao máximo os casos que imos detectando, xa sexan nos propios centros onde se producen ou trasladando aos usuarios contaxiados ás residencias integradas que xa habilitamos ou que imos ir habilitando en cada área sanitaria en función da demanda”, recordou, a modo de resumo. 
Nesta liña, Feijóo lembrou a posta en marcha de dúas residencias integradas, en Baños de Molgas e en Santiago, e subliñou a intervención onte de dúas residencias privadas, en Vigo e en Cangas, transformándoas en residencias integradas baixo a supervisión directa das autoridades sanitarias. Unha intervención que supón o nomeamento dunha dirección que coordine a actividade asistencial, garantir a aplicación dos protocolos e levar a cabo a supervisión médica de todos os residentes. 
Por outra banda, e en relación ao tecido produtivo, Feijóo pediu novamente ao Goberno de España unha maior concreción das actividades que están permitidas e cales non, para que non se sigan a xerar dúbidas e incertezas, aínda na mañá de hoxe martes. 
O presidente da Xunta concluíu incidindo en que a Comunidade se atopa nun momento clave no que é necesario non relaxarse, senón redobrar o compromiso para evitar o contaxio. “Cada un no seu sitio e exercendo a súa responsabilidade. Formamos unha cadea”, dixo, trasladando o agradecemento aos que están a loitar por salvar vidas no ámbito sanitario, aos que vixían por que se cumpran as restricións, aos que garanten os servizos esenciais e a todos aqueles que están nas súas casas.