sábado, 7 de marzo de 2020

Reclamando os 200 millóns de euros que lle debe o Goberno central a Galicia

Os deputados e senadores do Partido Popular de Galicia presentaremos o vindeiro luns unha pregunta escrita, tanto no Congreso como no Senado, sobre os 200 millóns de euros que lle debe o Goberno central a Galicia. Así, a través desta iniciativa, pediremos que o Executivo de España aclare se ten intención de contestar o requirimento do Goberno galego no que se esixía a adopción de medidas para compensar a débeda procedente do IVE do ano 2017.

A portavoz da Comisión de Facenda do Senado lamentou que a día de hoxe non haxa ningunha contestación, polo que insta unha resposta. Neste sentido, Elena Muñoz incidiu, ademais de en a obrigación legal de realizar o pago tal e como estable o noso sistema de financiamento, no compromiso da ministra de Facenda a facelo. E lembrou que, en 2019, o Goberno ingresou 12 mensualidades de IVE, pero que só pagou .

Ademais, destacou que “é un diñeiro que pagaron os galegos e necesítase para financiar a prestación de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. Lembrou que non é unha petición única de Galicia, xa que se foron sumando outras Comunidades Autónomas “de distintas cores políticas” e que a pasada semana aprobouse no Senado unha moción esixindo ao Goberno de España o pago da débeda.

Para Muñoz “non hai outro camiño que cumprir co sistema de financiamento autonómico, coa lei e co principio de lealdade institucional”. “Galicia -dixo- sempre foi leal co Goberno, cumpriu coas súas obrigacións e non xerou nin un só problema. E, por iso, temos a lexitimidade moral, ademais do apoio da legalidade, para esixir este cumprimento”