Feijóo fai unha mención ao labor que está a desenvolver Inditex, non só pola subministración que está doando, senón tamén pola súa loxística e o seu transporte


Amancio Ortega
Onte o titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo reiterou a necesidade de material sanitario, solicitando ao Goberno de España un calendario de entregas de subministración, para que cada comunidade poida organizarse. “Alegrámonos de que o presidente informase onte do material que España ten apalabrado ou contratado, pero é importante saber cando vai chegar ese material”, insistiu, lembrando que a Xunta leva subministrado a 251 concellos de Galicia: 22.000 mascarillas, 10.000 traxes e 300.000 guantes; “deste xeito, e co material que se entregará mañá, chegaremos ás 122.000 mascarillas, aos 25.000 traxes a aos 350.000 guantes”, confirmou, para o desenvolvemento de servizos como o de Axuda ao Fogar ou de Protección Civil.
“Seguiremos comprando material, porque non podemos esperar a ter un material centralizado polo Ministerio”, asegurou, resaltando que hoxe, Galicia recibiu unha nova partida de material sanitario da Xunta que ascende a máis de 700.000 mascarillas -500.000 compradas polo Sergas, 100.000 doadas por Inditex e outras 100.000 doadas por Grupo Caamaño-, que serán distribuídas en tempo real ás áreas sanitarias e aos centros sociais.
Nesta mesma liña, o responsable do Goberno galego reiterou a importancia de seguir facendo test masivos, así como coñecer a curva epidemiolóxica; “sería moi útil para as comunidades coñecer cal é a previsión do Goberno de España, cal vai ser o pico de hospitalización e de UCI que imos ter nas comunidades”, abundou.
A modo de exemplo, Feijóo explicou que, ata o momento, Galicia recibiu do Goberno central: 220.890 mascarillas, 33.205 batas, 352.000 guantes, 13.400 pantallas e 1.776 desinfectantes. “Para facernos unha idea, o total das mascarillas chega para 4 días de consumo do Sergas, o total de batas chega para 1,7 días e o total de guantes non chega a un día de consumo”, precisou.
Neste eido, Feijóo quixo facer unha mención ao labor que está a desenvolver a multinacional galega Inditex, non só pola subministración que está doando ao Sistema Nacional de Saúde e ao Servizo Galego de Saúde, senón tamén pola súa loxística e o seu transporte. “Sen os avións de Inditex a maioría do material que entrou en España estaría aínda nos aeroportos de China”, puntualizou, transmitindo o agradecemento pola implicación “dunha empresa galega global que está dando unha mostra mundial do que é un compromiso coa solidariedade, con España e con Galicia”.
Así mesmo, referiuse a outras empresas que tamén están a doar material sanitario e asegurou que cando este chegue, o Executivo autonómico faraas públicas.

O meu máximo recoñecemento a Amancio Ortega, Pablo Isla e toda a plantilla de INDITEX. A súa solidariedade é un exemplo para todos.



Con la tecnología de Blogger.