O cooronavirus non frea polo momento as obras da estación de autobuses intermodal e do aparcadoiro subterráneo


O estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus ten paralizada ou demorada algunhas obras públicas da provincia de Ourense.
Non é polo momento o caso das obras contratadas pola Xunta da estación de autobuses intermodal do barrio da Ponte, onde xa é visible  a estrutura do novo edificio.
Ao mesmo tempo, Adif avanza na execución do aparcadoiro subterráneo de 300 prazas que forma parte da primeira fase do proxecto conxunto da estación intermodal de Ourense, que se comprometeron a impulsar conxuntamente a Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello.
A Xunta ademais de construír e financiar a terminal de autobuses, achega o financiamento maioritario para o aparcadoiro, que dará servizo ao barrio, ademais de á estación, de forma que a achega autonómica global ao proxecto da intermodal de Ourense é de 9 millóns de euros.

Proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Ourense


Informa tamén a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que aprobou onte o proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Ourense. Esta actuación que desenvolverá a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de 650.000 euros, tendo en conta a necesidade de repoñer servizos afectados.
As obras, para as que o proxecto fixa un prazo de execución de 4 meses, darán comezo unha vez que se remate a construción da nova estación de autobuses intermodal que a Xunta está a construír no barrio da Ponte, ao carón da terminal ferroviaria, e cando se traslade alí a súa actividade.
A actual estación de autobuses foi construída hai máis de 30 anos. Dadas as  súas condicións e tendo en conta o custo que suporía a súa adecuación a outro uso, así como a inconveniencia de deixar un edificio destas dimensións desocupado nunha zona urbana, a Xunta decidiu redactar un proxecto de demolición.
O proxecto ten como obxectivo deixar despexado o solar e permitir aproveitar este espazo para dotacións de carácter social, neste caso para a construción dunha residencia de maiores.
Tras a desconexión exterior das acometidas, os traballos comezarán no interior co desmontado de mobiliario, carpinterías, elementos de fontanería, instalación eléctrica e o resto de instalacións. Unha vez completado o desmontado dos distintos elementos, se procederá á demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos. E, co andar baixo e primeiro completamente baleiros, procederase á demolición e desmonte das cubertas superiores.
Para efectuar esta intervención prevese principalmente o uso de retroescavadoras e grúas móbiles con acoples especiais de derribo, pero non se considera necesaria a realización de voaduras nin de microvoaduras.
 As obras inclúen o acondicionamento posterior da parcela e a xestión dos correspondentes residuos xerados pola demolición.

Con la tecnología de Blogger.