sábado, 28 de marzo de 2020

A Deputación de Ourense coopera e loita na crise do coronavirus

Celebro a iniciativa da Deputación de Ourense, de acordar que desde onte sexan exhibidas no Pazo Provincial as bandeiras a medio mastro e luzan desde luces verdes na iluminación do edificio, en honra ás vítimas do coronavirus (Covid-19) e como homenaxe ao persoal sanitario, expresando o agradecemento aos profesionais do ámbito sanitario polo seu labor solidario e de máxima entrega nuns momentos tan difíciles”.

Tamén cabe valorar como moi positivo desde o punto de vista de cooperación e loita contra a crise do virus,  que a Deputación de Ourense comprase 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas, xunto a 500 litros de xel desinfectante, que serán repartidos entre concellos e entidades da provincia de Ourense, unha medida validada polo Comité de Seguimento do Coronavirus da Deputación, e que forma parte da estratexia de colaboración coa Xunta de Galicia. A petición de axuda foi formulada polo Posto de Mando Avanzando ( PMA) en Ourense..

E finalmente celebrar tamén a iniciativa da Deputación de Ourense acaba de lanzar a campaña # QuedaNaCasa, na que personaxes coñecidos mostran o seu apoio contra o coronavirus e sensibilizan sobre a necesidade de que a poboación quede nos seus domicilios, como mellor maneira de loitar contra o coronavirus ( Covid-19). 

Destacados representantes dos ámbitos da cultura, a xudicatura, o xornalismo, a Iglesia, o deporte e as artes aceptaron  “integrar nesta gran cadea de comunicación solidaria que lanzamos desde a Deputación de Ourense para que todos sintamos partícipes dunha decisión que salva vidas e que serve para concienciar e chamar a atención sobre a responsabilidade que todos temos que asumir para que, xuntos, podamos parar canto antes esta pandemia e retomar a normalidade social”, tal e como expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Na campaña participan rostros coñecidos como: As actrices Ledicia Sola e Mariana Carballal; o actor Sergio Pazos; o xuíz José Antonio Vázquez  Taín; os presentadores Xosé Manuel Piñeiro e Leticia Iglesias; o escultor Acisclo Manzano; o xornalista Marco Rocha; os ciclistas Pablo Rodríguez e Anne  Santestevan; o arcebispo de  Belcastro, José Rodríguez Carballo; a cantante María  do  Ceo; o músico Víctor Prieto, e o  exfutbolista Miguel Ángel, entre outros, que irán integrando nos próximos días esta gran lista da solidariedade na rede, impulsada pola Deputación de Ourense.

Nas súas mensaxes destacan palabras como “paciencia”, “ánimo”, “concienciación” ou “responsabilidade”, ademais de animar á cidadanía para aproveitar estes momentos de confinamento para compartir experiencias en familia, aumentar a comunicación, reflexionar,  teletraballar e desenvolver outras actividades que durante o ano non podemos facer por falta de tempo.