A OCDE afirma que o coronavirus é a maior ameaza para a economía mundial desde a crise financeira


Hai unha semana estaba en París nunha reunión parlamentaria da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), na que abordamos nun relatorio da economista  xefe da OCDE,  Laurence  Boone sobre os efectos económicos do coronavirus.

Finalmente este luns a OCDE  deu a coñecer un informe titulado “Coronavirus: a economía mundial ameazada”, no que se afirma que o coronavirus é a maior ameaza para a economía mundial desde a crise financeira.

A OCDE pide aos gobernos que adopten medidas inmediatas para limitar a propagación do coronavirus, protexer ás persoas e as empresas e apoiar a demanda dentro da economía.

Un brote “máis intenso e duradeiro” podería facer que o crecemento da economía mundial caese ao 1,5% este 2020, a metade do proxectado antes de que estalase o virus. Este escenario, advirte a OCDE, “podería empuxar a numerosas economías á recesión, incluídas as de Xapón e a zona euro”.

As restricións á circulación de persoas, bens e servizos e as medidas de contención da epidemia, como o peche de fábricas, reduciron considerablemente a actividade manufactureira e a demanda interna en China. As repercusións no resto do mundo son cada vez maiores, xa se relacionen coas viaxes de negocios e o turismo, as cadeas de subministración, os produtos básicos ou a perda de confianza.

 “Os gobernos teñen que actuar de inmediato para conter a epidemia, apoiar o sistema de saúde, protexer á xente, apontoar a demanda e proporcionar un salvavidas financeiro aos fogares e negocios máis afectados”.

Con la tecnología de Blogger.