viernes, 20 de marzo de 2020

Segue a titánica loita sanitaria contra o Coronavirus


Continúa a titánica loita sanitaria contra o Coronavirus , con novas iniciativas como a do Servizo Galego de Saúde implantando en todas as áreas sanitarias un novo sistema para realizar as probas do coronavirus, aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles, e que só se lle realizará as persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente.
Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días.
O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente.
Na actualidade xa funciona en Vigo, Ourense e Lugo. Está previsto que tamén comece na Coruña e Pontevedra, e o luns en Santiago e Ferrol.

Unha vez máis compre reiterar o recoñecemento e agradecemento aos profesionais da sanidade; a todos os que están traballando para garantir os subministros; ás forzas e corpos de seguridade do Estado; en definitiva a inmensidade dunha sociedade que está comprometida na loita contra esta pandemia.