miércoles, 25 de marzo de 2020

Constituído o “Comité do Día Despois” que impulsará, desde o minuto uno do fin do estado de alarma, propostas para reactivar a economía de Ourense


Celebro que onte  tivese lugar -por videoconferencia- a reunión constitutiva do “Comité do Día Despois”, unha iniciativa pioneira en España, impulsada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que ten como obxectivo planificar a saída económica da crise do coronavirus inmediatamente despois de que se levante o estado de alarma decretado en todo o Estado.

O presidente do goberno provincial agradeceu a plena colaboración de todos os integrantes do comité e destacou “o talante positivo e a masiva asistencia”. “Trátase de abrir unha canle de comunicación -dixo- con quen lidera o crecemento, emprego, a xeración de postos de traballo e a riqueza do territorio, para que despois desta crise sanitaria encaremos a recuperación económica, que se estima podería comezar no segundo semestre deste ano, e aí é onde a Deputación de Ourense, liderando as entidades representativas do empresariado e os autónomos, está a facer un papel  aglutinador”.

Baltar remarcou “a permanente comunicación que estamos a manter”, comentando que o comité se reunirá unha vez por semana, sendo o seguinte encontro o vindeiro mércores, no cal se dará conta da situación actual pola que atravesan os diferentes sectores da nosa economía e as súas perspectivas nun escenario crítico, “no que se fai necesaria a coordinación e a capacidade de propoñer, para xerar, entre todos, iniciativas sobre a base dos datos, para que as administracións actuemos en consecuencia”, afirma Baltar, subliñando que isto nos permitirá en Ourense “ter moito traballo adiantado e contar con información de primeira man, para analizar a capacidade de chegada #ante as axudas das diferentes administracións”.

O presidente Baltar valora que neste momento “xa estamos a esperar o resultado de enquisas como a que a  CEO fixo chegar aos seus asociados, así como as propostas por parte da Federación de Comercio de Ourense; somos conscientes da situación crítica na que se atopan os autónomos, que avogan pola moratoria na cobranza de impostos e a flexibilidade á hora dos seus pagos, e tamén do singular protagonismo que teñen parques empresariais como o Polígono de San Cibrao, ámbito no que a Deputación quere colaborar @teniendo en cuenta a situación de paro no que se atopan moitas das súas empresas”.

Tamén quere afrontar o comité “a situación na que se atopan os autónomos que teñen que facer fronte ao pago de alugueres de locais e que non están a contar neste momento con ingresos, e poñer, ademais, sobre a mesa liñas de axuda e de reforzo que se están impulsando desde entidades como  Sogarpo ou o Igape, e coñecer os novos produtos que entidades financeiras como Abanca ofrecen ás pemes, autónomos e negocios para que poidan dispoñer de liquidez”.

En definitiva, “trátase de abordar medidas provinciais e de compartir, por parte dos integrantes deste comité, información efectiva e práctica, porque estamos nun momento crucial -afirma Baltar-, e grazas á previsión, á anticipación e á cooperación esperamos contar cun territorio, a provincia de Ourense, ben preparado para ese “día despois” da crise sanitaria. A saúde é agora a principal prioridade, pero, en paralelo, debemos preparar o momento en que toda esta situación crítica termine, para encarar o futuro e a economía mantendo os postos de traballo que había antes desta situación e xerando expectativas de progreso, dinamismo e riqueza para o territorio”, expresa.

Nesta primeira reunión participaron, ademais de Manuel Baltar, a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Novoa; a presidenta das empresarias de Ourense, María  Cabanelas; o presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense, David Martínez; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; o presidente de  Sogarpo, Artur  Yuste; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez; o director territorial de Abanca, Rubén Saavedra, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

A iniciativa de crear o “Comité do día despois” expúxoa Manuel Baltar días pasados na reunión telemática que celebrou con membros da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), unha proposta que tivo unha excelente acollida e que outros dirixentes prevén tamén poñer en marcha nos seus respectivos territorios.