jueves, 16 de enero de 2020

A Comisión Europea anuncia unha achega de 226 millóns para a LAV a Galicia e dí que “espérase que estea operativa a partir de xaneiro de 2022”

Hoxe coñecemos unha nota informativa da Comisión Europea (CE) en concreto da comisaria europea de Cohesión e Reformas, a portuguesa Elisa Ferreira na que se anuncia unha achega de 226 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para a construción dun tramo da liña de alta velocidade entre Madrid e Santiago de Compostela.

Destínanse  ás obras de plataforma da  LAV entre Lubián e Taboadela. O rechamante da bota é que na nota dise que a conexión de alta velocidade desde Madrid a Santiago de Compostela, “espérase que estea operativa a partir de xaneiro de 2022.”

É evidente que esta información sobre o prazo que dá Comisión, ten que provir de ADIF-AV ou do Ministerio de Fomento e vén acreditar un amplo atraso sobre a data comprometida.

Coincido co afirmado hoxe polo, Alberto Núñez Feijóo, de que "lamentablemente" as previsións da Xunta coinciden co cálculo realizado pola Comisión Europea para a posta en marcha en xaneiro de 2022 do tramo Lubián-Taboadela da liña ferroviaria de alta velocidade entre Madrid e Galicia.”

E engadiu a pregunta dun xornalista en rolda de prensa  "Que quere que lle diga? Imos estudar ben quen é o que di iso pero non podo acreditar máis que paréceme moito máis  verosímil esa data que as datas enganosas" que "trata de dar o Goberno de España desde todos os seus púlpitos".

Núñez Feijóo sostivo que "lamentablemente" esa previsión coincide máis coa  auditoria realizada pola Consellería de Infraestruturas que cos anuncios do Goberno de España, que sitúan a posta en funcionamento do AVE no próximo ano 2021, para o Xacobeo.

Lembrar que o informe elaborado polos técnicos da Xunta dicía que o AVE a Galicia non ía estar en condicións de entrar en servizo nin en 2020 nin, probablemente, en 2021, tal e como comprometeran o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o ministro de Fomento Ábalos. 


O Goberno socialista negouno. Dixo que ía en prazo. E agora a Comisión Europea di o mesmo que a Xunta, que antes de 2022 non imos poder coller o Ave.

Agardamos unha resposta unánime de todos reclamando a verdade. Insistimos en demandar que se nos diga a verdade con total claridade.

Que o ministro Ábalos nos presente un cronograma real e actualizado sobre a evolución das obras do Ave, o inicio do período de probas e as previsións de posta en servizo.

Levamos décadas agardando polo Ave e temos dereito a coñecer a verdade.