Máis preto o comezo das obras de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº1 de Ourense



Onte, se as miñas informacións non fallan, deuse un paso importante para o inicio das obras de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº1 de Ourense. Trátase da firma da acta de reformulo pola dirección de obra e unha vez ultimado o plan de prevención de risco, as obras poderán comezar.

Serán executadas pola adxudicataria,a empresa Acciona, e baixo a dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde a  Oikos Estudo.

 ANTECEDENTES:

O 15 de outubro de 2013 procedeuse á firma do VI Acordo de Colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para a revisión do funcionamento do “Programa do 1% Cultural” e que froito desta revisión acordáronse dúas cuestións: por unha banda, incrementar do 1 ao 1,5% a asignación do orzamento para as novas obras, e, por outro, introduciuse, por primeira vez, a convocatoria pública como instrumento para a selección e priorización de actuacións, de forma que, polo Ministerio de Fomento, analizarase a viabilidade técnica e económica das propostas de actuación e ditas actuacións serán valoradas pola Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Chan, co acordo da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais e de Arquivos e Bibliotecas.

O 10 de decembro de 2014, tivo entrada no Ministerio de Fomento unha solicitude presentada polo Concello de Ourense - entón presidido por Agustín Fernández - do expediente titulado “Reforma e Rehabilitación da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, á Convocatoria de axudas para rehabilitación do patrimonio con fondos do 1,5% Cultural do Ministerio de Fomento publicada no BOE do 27 de novembro de 2014".

Solicitaba un cofinanciamento do 75 % do proxecto que ascendía a 5.619.642,89 €. Máis tarde, o 22 de decembrio de 2014  Concello de Ourense modificou a súa petición pasando do 75 % ao 65 % do custo global do proxecto, pedindo ao ministerio de Fomento, a partir dese momento, 3.652.767,88 €.

O 12 de maio de 2015 a Comisión de Cultura do Congreso, foi debatida unha Proposición non de Lei (PNL) do grupo parlamentario socialista que defendeu a deputada Laura Seara na que se pedía ao Congreso instar o Goberno “a valorar a importante reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº1 de Ourense, no marco da correspondente convocatoria e, en caso de selección, impulsar a súa rehabilitación con cargo ao 1,5% cultural”.

Nese debate intervín en nome do Grupo Parlamentario Popular e dixen que apoiaba esta iniciativa co fin de “poñer en valor” un edificio que forma parte do patrimonio arquitectónico, cultural e sentimental de todos os veciños da capital”. Neste sentido, lembrei que a Praza de Abastos nº 1 é o lugar onde naceu a cidade, ao pé das fontes termais de  As Burgas, e que foi sempre o punto de encontro de xente vinda de toda a provincia.

Concluín "celebrando que hoxe podamos reeditar aquí, na sede da soberanía popular, un consenso que se editou en primeiro instancia no Concello de Ourense, por encima de ideoloxías, de cuestións partidistas, para que podamos ver rehabilitada esta praza de abastos de Ourense, na que tantos comerciantes de forma tan  abnegada e difícil están a defender a súa actividade económica, e da que tantos usuarios gozan, e sentirnos orgullos dese edificio. É bo que logremos hoxe ese consenso e que o podamos plasmar á hora da votación."


Finalmente votamos unha transaccional que alcanzamos: “O Congreso dos Deputados insta o Goberno a valorar a importante reforma e rehabilitación da praza de abastos número 1 de Ourense no marco da correspondente convocatoria, e en caso de selección impulsar a súa rehabilitación con cargo ao 1,5% cultural”  Efectuada a votación, votación foi aprobada por unanimidade.




Á citada convocatoria concorreron preto de medio milleiro de solicitudes de toda España, que foron obxecto de estudio, análise e de valoración polo órgano que as bases reguladoras determinaban que debería realizala.

O 16 de xullo de 2015, o  Ministerio de Fomento – entón dirixido por Ana Pastor -  resolveu achegar 5.329.835 euros a un total de 5 proxectos de recuperación do patrimonio histórico español na Comunidade de Galicia, con cargo aos fondos que se xeran para o 1’5% Cultural pola contratación da obra pública.

A Comisión Mixta do 1,5% Cultural, integrada polos Ministerios de Fomento e Cultura, aprobou ese día, o proxecto de rehabilitación e reforma da Praza de Abastos nº 1. Neste caso, Fomento achegaría o 65% do orzamento, que equivale a 3.652.767 euros. Nese momento o alcalde de Ourense era Jesús Vázquez Abad.

En xuño de 2018 tivo lugar a apertura do recinto provisional, - para o tempo que duren os traballos de reforma do edificio - na Alameda.

Despois daquela data sucedéronse complicacións administrativas de todo tipo que unidas á situación de inestabilidade vivida na anterior lexislatura municipal, conduciron a este importante atraso en poder comezar as obras.



Agardo, como moitos ourensáns, ver en próximas datas, maquinas e persoal traballando.





Con la tecnología de Blogger.