Urximos a licitación da Variante exterior ferroviaria: "Ourense non pode quedarse cunha solución provisional de vía única “

Presentación da intervención da Presidenta ADIF o 29.11.2018
Os deputados do PP de Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, avisamos de que a tan só 4 días de que finalice 2019, o Goberno en funcións de Pedro Sánchez e ADIF-AV segue sin licitar algún dos tramos da coñecida como variante exterior de alta velocidade ferroviaria entre Taboadela e Ourense de 16,9 qm.

Lembramos que o 29 de novembro de 2018 a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, estivo en Ourense no Foro La Región e pronunciou unha conferencia baixo o título “As dúas caras do AVE. Desenvolvemento da obra e impacto socioeconómico”.

Nese día a presidenta falou da variante exterior de Ourense e dixo:

“Optouse por aproveitar o trazado actual e modernizalo con 104 millóns, pero hai unha variante que se fará, que espera pola adecuación dos proxectos á normativa porque nós pensamos en termos ferroviarios e quedarnos con 14 qm. de vía única na entrada de Ourense pode, nalgún momento, condicionar a fiabilidade da liña. Adif ten que ter flexibilidade para que non haxa incidencias"

E engadiu Pardo de Vera que confiaba en que os proxectos da variante exterior estean listos en seis meses para proceder á licitación da primeira fase, de 135 millóns.

Confiando nestas palabras, esperamos os deputados desde aquela data algúns meses, e así o 7 de marzo de 2019 o Diario Oficial da Unión Europea publicaba tres anuncios periódicos indicativos, que tiñan por obxecto reducir prazos de recepción de ofertas.


Ditos anuncios prevían estimativamente a licitación o 1 de xullo de 2019 dos tramos de plataforma Taboadela-Túnel de  Rante, por un valor de 88 millóns de euros, o Túnel de  Rante-Conexión  Seixalbo, por valor de 21 millóns de euros, e o da Conexión  Seixalbo-Seixalbo, por importe de 9 millóns de euros, todos eles co IVE excluído.

Pois ben,  nada do anunciado foi cumprido por ADIF-AV; non se publicou licitación das obras dos tramos antes mencionados e tampouco deuse polo administrador ferroviario ningunha explicación sobre as razóns desta demora nin oficialmente nin por vía parlamentaria.

Tampouco tivemos noticia por conduto oficial de que ADIF-AV activara novas actuacións en relación coa licitación do tramo da variante que vai desde Seixalbo ata Ourense, e en concreto aquelas que tiñan como obxectivo evitar que a  Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do tramo da Variante de Ourense entre  Seixalbo e Estación de Ourense, da LAV a Galicia, que foi aprobada o 25 de novembro de 2011 (BOE do 10 de decembro) perdera vixencia como consecuencia de que aínda non foron licitadas as obras.

Compre sinalar ademais que non caben escusas de orde orzamentario para que fora posible a licitación das obras, xa que por prórroga orzamentaria, en 2019 están vixentes os Orzamentos Xerais do Estado de 2018 (elaborados polo goberno do PP), nos que ADIF-AV consignaba para esta variante ferroviaria un total de 3 millóns de euros dentro dun custo total de 635,56 millóns, fixando a súa conclusión en 2024.

Diante  desta situación, recentemente acabamos de presentar  nesta  XIV  Lexislatura  novas preguntas  parlamentarias, e tan pronto o Congreso dos Deputados teña actividade, plantexaremos outras na liña de  urxir der inmediato a licitación da variante exterior porque “Ourense non pode quedarse cunha solución provisional de vía única “

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2019/12/28/politica-pp-alerta-licitado-variante-exterior/0003_201912O28C3995.htm?fbclid=IwAR2NTiNqSoc2d39Ds2s9VEI_HWQbJFBbNcZoPyzoC3xVsPG1FZkaFdgRkS4



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.