Nas vésperas de inaugurar a Biblioteca Pública do Estado de Ourense en San Francisco (I)


O vindeiro luns será inaugurada a Biblioteca Pública do Estado en Ourense e con tal motivo decidín ver o meu arquivo documental integrado por preguntas e respostas parlamentarias, boletíns oficiais, informes e por suposto recortes de prensa.

Farei estes días un breve repaso histórico temporal deste importante proxecto que ten unha antigüidade de dúas décadas, e que vivíu toda clase de incidencias.

1999-2003

Dada a insuficiencia da Biblioteca pública do Estado de Ourense situada na rúa Concello, inaugurada en 1978 e cunha superficie de só de 3.860 metros cadrados, o Goberno atendendo a petición municipal considerou necesario ampliar e mellorar este equipamento na nosa cidade.

Sendo Ministro de Cultura Mariano Rajoy e alcalde de Ourense Manuel Cabezas,  o 5 de novembro de 1999 asinaron un protocolo entre o Ministerio e o Concello para que se producise a cesión dunhas parcelas que estaban no conxunto histórico de San Francisco, para rehabilitar e para construír nelas as instalacións do arquivo e da biblioteca. 

O 7 de xaneiro de 2000 o Concello acordou a cesión de uso do inmoble. O anteproxecto redáctase pola propia Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio, por José Luis Ramos.

Sendo Ministra de Cultura Pilar del Castillo, en novembro de 2001 aprobouse o proxecto.

As obras licitáronse no BOE do 8 de agosto de 2003 cun orzamento base de 16.187.329,12 € e foron adxudicadas á U.T.E., Construtora Hispánica S.A. e Castilla de Construcciones, A.B.S., S. A. o 4 de novembro de 2003 por importe de 15.062.309,70 €. 

Continuará..

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.