Na presentación do proxecto de mellora da estrada OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa


Asisto hoxe no local multiusos de Lobios a un acto no que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez presentou o proxecto de mellora da estrada OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
Estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a rexedora de Lobios e os alcaldes de Bande, Entrimo, Lobeira e Muíños.
Vázquez Mourelle informou que o contrato deste proxecto licitado hoxe, completará o eixe de comunicación Ourense – Celanova – Fronteira portuguesa coa mellora da estrada desde Celanova ata Lobios, e conta cun orzamento de 200.000 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 14 de xaneiro, tal e como recolle a publicación na Plataforma de Contratos de Galicia.
Explicou que o proxecto de actuación nesta estrada vai incluír a intervención en varios treitos para aumentar a súa capacidade coa execución de novos terceiros carrís de adiantamento. Isto, sinalou, vai supoñer unha mellora cualitativa para os case 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente percorren a mesma, cun volume de tráfico diario de entre 1.500 e 2.500 coches, e que se incremente considerablemente no mes de agosto ata preto dos 4.000.


Concretou que dos 34 km que separan a saída da autovía en Celanova Sur e a ponte de Lindoso, practicamente 8 disporán dun novo terceiro carril de adiantamento, o que unido aos terceiros carrís xa existentes, farán que 15 km, o 44% do percorrido, conten con terceiro carril de adiantamento.
A isto hai que engadir a mellora do trazado, sumando 4 quilómetros e medio de rectificacións de curvas.
Un proxecto que a conselleira cualificou de ambicioso e cuxa execución supón un investimento da orde dos 9 millóns de euros, e que, tal e como salientou suporá unha importante mellora nas comunicacións interiores da Baixa Limia e nas súas conexións con Celanova e Ourense.
Ethel Vázquez subliñou que cumprindo cos prazos previstos na Lei de contratos públicos, o departamento que dirixe prevé poder asinar o contrato antes do verán e comezar os traballos de redacción do proxecto, con obxectivo de someter a información pública a efectos expropiatorios e iniciar a tramitación ambiental no propio ano 2020 e, a continuación, aprobar o proxecto e iniciar a contratación das obras.
Puxo o acento na acción da Xunta na construción e mellora da mobilidade por estrada dos galegos e galegas en condicións de seguridade, nun tempo no que se fala moito das subidas das peaxes das autoestradas e mesmo se poden escoitar plantexamentos de implantar pagos por uso nas autovías estatais hoxe gratuítas.
Deste xeito, lembrou que desde 2009 a Xunta leva posto en servizo 220 km de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe, das que case 40 foron na provincia de Ourense. Aquí apuntou que, practicamente a metade deles beneficiaron directamente á Baixa Limia, coa posta en marcha da autovía entre Ourense e Celanova Sur, que supuxo 18,7 km dunha vía deseñada cun altísimo estándar de calidade e un investimento de máis de 120 millóns de euros.
Celebro moito este anuncio pois atende unha vella reivindicación para mellorar as conexión desta importante comarca da provincia de Ourense.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.