miércoles, 18 de diciembre de 2019

Apoiando a iniciativa dunha estación de mercadorías por ferrocarril no Polígono de San Cibrao

Onte pola tarde visito o polígono de San Cibrao das Viñas e entrevístome co presidente da Asociación de Empresarios José Antonio Rodríguez Araújoo secretario José Vilarchao e a xerente Yolanda López, na presencia do  alcalde do Concello, Manuel Pedro Fernández.

O motivo principal deste encontro tiña por finalidade coñecer de primeira man a súa reivindicación, concretada na recente asemblea do día 11 de outubro de 2019, que é dispoñer no Polígono dunha estación de mercadorías por ferrocarril.

Propoñen os empresarios a súa localización na área que comprende a chamada Cidade do Transporte, o que favorecería dun modo evidente a intermodalidade, sendo ademais a zona máis próxima á actual vía ferroviaria desde a que dáse hoxe servizo á empresa agroalimentaria Coren por medio dun apartadero-cargadero.

Con esta nova instalación poderíase proporcionar transporte ferroviario ademais da gran empresa antes mencionada a outras de diferentes sectores: automoción, madeireiro, aceiteiro, formigón, etc. E mesmo cabe pensar en trasladar aquí os contedores de Sogama que se cargan hoxe na estación de Taboadela.

E permitiría ademais a construción desta nova estación, que Adif liberase na estación Ourense- Empalme a zona de depósito e carga (fundamentalmente de cemento e materiais de construción) que está claramente  infautilizada, e ocupando unha inxente cantidade de metros cadrados. Esta actuación reportaría grandes vantaxes de comunicacións e de dotación de espazo público á cidade de Ourense e tería positivas consecuencias ambientais.

Trasladei a miña vontade de colaborar como deputado para presentar nesta Lexislatura que acaba de comezar diversas iniciativas en unión da miña compañeira do GPP, Ana Vázquez para que o Ministerio de Fomento ordene un estudo do proxecto desta estación de mercadorías, que potencie o Polígono Empresarial de maior superficie de Galicia, que ademais está en fase de ampliación por medio da segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
Área de mercadorías da estación Ourense-Empalme

Argumentaremos entre outros, o feito dos 8.000 postos de traballo que xera o polígono e as máis de 400 empresas e que tamén nas suas proximidades existen outros polígonos como o de Pereiro de Aguiar, o citado Parque Tecnolóxico e a Zona Comercial de Barreiros.

E procuraremos acadar consensos cos outros grupos políticos para sacar adiante este proxecto xá que pensamos que a cooperación política e institucional entre administración é fundamental.