Na entrega a Alfonso S. Palomares do premio Ourensanía 2019

Asisto esta mañá no Teatro Principal de Ourense ao acto de entrega do Premio  Ourensanía ao xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns vinculados á provincia de Ourense que destacaron nas súas facetas profesional, social ou intelectual.
O xurado do premio reunido en agosto deste ano na Casa Antón Losada e baixo a presidencia de Manuel Baltar concedeulle este galardón, por unanimidade, en atención á súa “ampla traxectoria nos ámbitos literarios e xornalísticos que   transcenderon os límites de Ourense e de Galicia”.

Alfonso S.Palomares naceu en 1935 en Calvos de Randín. Na súa faceta como xornalista conta cunha longa traxectoria en varios  periodicos e revistas españolas, chegando a ser presidente da axencia EFE desde 1986 ata 1996.

 Ademais, estivo ao cargo da axencia Radial  Press e da revista 'Cidadán'.
Foi director do Diario de Córdoba e responsable da Casa de Galicia en Madrid. Tamén destacou pola súa faceta como escritor e por obras como: África, a hora das violencias, Albert  Camus, Os labirintos do espello, O evanxeo de  Venus, Sempre chega a noite, así como outras obras biográficas como Felipe González, o home e o político.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pechou o acto reivindicando o legado da Xeración Nós que senta as bases, dixo, do galeguismo cultural e político no que a exclusión non existe e os brazos están abertos.
Feijóo subliñou que agora que a pugna entre globalistas e localistas está provocando procesos políticos e económicos que xa producen efectos inquietantes na estabilidade das nacións e países, e na convivencia dos pobos, pola contra, o galeguismo non di Nós Sós, senón que “aspira a un Nós moi amplo no que a exclusión non existe”, reiterou.
O responsable do Executivo autonómico lembrou que a Xeración Nós, que cumprirá o ano próximo o seu centenario, componse de homes e mulleres viaxados, instalados no europeísmo que entón era posible, conectados coas vangardas do pensamento, pero que sempre retornaban ao seu berce. “No camiño de ida levaban consigo elementos da cultura galega que pasaban a formar parte do acerbo común europeo, e no camiño de volta traían na maleta aportacións foráneas que axiña adaptaban ao noso xeito”, aseverou, precisando que para eles non existía un dilema entre “ser de aquí e sentirse partícipes de todo o sucedía alá”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que a Galicia non a definen as fronteiras, nin a súa idiosincrasia está definida por un muro, senón por un Camiño que empezou compartindo co resto de Europa e que agora xa nos comunica con todo o mundo, como se pode comprobar nas procedencias universais dos peregrinos que se achegan a Compostela.
“O globalismo exacerbado non é a resposta. Tampouco un localismo que levante novos muros que non defenden aos que están dentro, senón que os condenan a un inútil cativerio”, abundou, expresando o desexo de que ogallá España, Europa e o mundo, superen a proba e concilien o local e o global, que en suma son dous eixos imprescindibles para o progreso e a convivencia.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención con palabras de recoñecemento para o premiado Alfonso Sobrado Palomares, “fundador de tantos proxectos periodísticos pero sobre todo fundador de convivencias”, dixo, recordando que forma parte dos homes e nomes da Transición democrática.
“Foron as palabras depositadas e lidas na revista Ciudadano as que axudaron a erosionar a ditadura. Foron palabras recoletadas por Alfonso Palomares en Posible as que se anticiparon á democracia institucionalizada que estaba por chegar. Foron as palabras que difundía a axencia Efe que presidía, as que comunicaron aos españois entre si, e proxectaron a imaxe dunha nova España. Son palabras as que dona aos seus paisanos, en forma de biblioteca rica e selecta”, resaltou.

Parabéns ao premiado.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.