lunes, 28 de octubre de 2019

Eleccións Xerais 10N: Os candidatos do PP reclaman a Fomento a culminación das obras do tramo Sanmartiño- A Barrela da autovía A-56 e activación do tramo Ourense-Cambeo

Tamén esta mañá os candidatos do Partido Popular ao Congreso -Ana Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández, estivemos en Sanmartiño, no Concello de Vilamarín, acompañados polo alcalde, Amador Vázquez, e membros do seu equipo de goberno, así como polo alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e polo portavoz popular en Coles, Luis Antonio Iglesias. Alí fixemos un repaso á situación actual da autovía A-56, que unirá Ourense con Guntín e desde aquí terá continuidade ata Lugo a través da A-54 (Santiago-Lugo).

Unha autovía que constará de oito tramos, 3 deles en Ourense e 5 en Lugo. Pero na actualidade tan só un está en obras.

Tramos na provincia de Ourense

Ourense-enlace Cambeo (9 quilómetros e 94,86 millóns de euros).

Este tramo, xunto ao variante norte de Ourense, son os prioritarios da A-56 por ter tráficos próximos a 10.000 vehículos e pola siniestralidade existente na  N-525.

O proxecto segue en redacción. Modificouse o trazado do subtramo Ourense-Coles (respecto á solución seleccionada polo estudo informativo aprobado en 2006) para  minimizar os impactos sobre o territorio, postos de manifesto na información pública do proxecto de trazado (2013).

O pasado 30 de maio, os deputados no Congreso Celso Delgado e Ana Vázquez interesáronse pola situación en que se atopaba a redacción do proxecto deste tramo, respondendo o Goberno que “continúa en redacción”.

Compre apuntar que o informe de impacto ambiental da nova alternativa no subtramo Ourense-Coles foi formulado en 2017. Transcorreron moitos meses e debería estar xa redactado este proxecto. Reclamamos avances.

Enlace Cambeo-Sanmartiño (8,5 quilómetros e 73,14 millóns).

Está aprobado o trazado do intercambiador de  Cambeo (A-56,  N-525 e  N-540) e pendente de finalizar a redacción do tramo Cambeo-Sanmartiño.

O proxecto segue en redacción e compre actualízalo á normativa técnica vixente, pero para Fomento non é un tramo prioritario por tráfico (inferior a 5.000 vehículos/día).

Tamén en maio, os deputados populares preguntaron ao Goberno polo estado deste proxecto, sendo a contestación: “continúa en redacción”. Para nos é prioritario e pedimos asúa axilización.

Tramos na provincia de Lugo

San Martiño-A Barrela (9,8 quilómetros e 33,43 millóns de euros, cun investimento total estimado de 48,19 millóns).

Este tramo ten un longo historial; o BOE do 23 de febreiro de 2008 publicou a licitación do contrato do citado tramo  que entón tiña unha lonxitude de 8,8 quilómetros e un orzamento de 46,76 millóns. Foron adxudicadas polo Ministerio de Fomento o 12 de agosto de 2008 a “Vías e Construcciones S.A.” por importe de 32,2 millóns.

O 22 de xullo de 2010, o entón ministro José Blanco anunciou a rescisión dos contratos de Sanmartiño-A Barrela Norte e o da ligazón.

Finalmente, no ano 2014 conseguise evitar a rescisión dos contratos e as obras retomáronse en xullo de 2015, sendo ministra Ana Pastor.

Nos orzamentos de 2018 aínda vixentes hai unha consignación de 10,8 millóns de euros para continuar coas obras.

O 27 de setembro de 2018 –tralo cambio de Goberno pola moción de censura- o deputado Celso Delgado, nunha comisión de Fomento, preguntou ao secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, José Javier Izquierdo  Roncero,  sobre a situación deste tramo, respondendo que “a obra estaba parada por estar tramitándose un modificado”.

Foi esa a primeira vez que os representantes populares coñecían a existencia dese modificado, que se xustificaba entre outros motivos por adaptacións á normativa vixente, cuestións relacionadas co viaduto do  Bubal e a incorporación do  semienlace da Barrela.

O 22 de outubro de 2018, os comisionados do grupo da A-56 entrevistáronse novamente en Madrid con responsables do Ministerio de Fomento (José Javier Izquierdo  Roncero, secretario xeral de Infraestruturas, e Ángel González del Río, xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia), que lles informaron que a esa data o grao de execución era do 51 %, que non se cumpriría o prazo de xuño de 2019 e que habería que pensar máis ben en finais dese ano.

Recentemente -en setembro de 2019- o goberno socialista cifraba a execución das obras nun 67,71 %.

O avance é lento, posto que se en outubro de 2018 o grao de execución era do 51 % e agora do 67,71 %, o incremento de obra cífrase en case doce meses tan só nun 16,71 %.

Ademáis, o Ministerio non fixa unha data para a posta en servizo, recorrendo ao eufemismo “continúa coas obras… de acordo ao programa de traballos vixente”. O último compromiso que contraera era que estarían as obras rematadas a finais do presente ano, o que non sucederá.

Analizada esta situación, os candidatos denunciamos a lentitude das obras, apremiando ao Ministerio para que poña todos os medios necesarios para o seu remate. E que no primeiro semestre de 2020 podamos xa circular por este tramo.