O Partido Popular loitará por conseguir
os fondos europeos e da administración central necesarios para a mellora das
comunicacións entre a comarca da Baixa Limia e o norte de Portugal, facilitando
así o desenvolvemento dunha rexión transfronteiriza cun enorme potencial. Así o
destacamos os candidatos do PP pola provincia de Ourense ao Congreso, Ana
Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel Ángel Viso e Carmen Leyte, durante
a visita que hoxe realizamos a Lobios e na que estivemos acompañados polos
representantes populares municipais deste concello, ademais de Bande, Muíños e
Lobeira.
Os candidatos fomos informados en
detalle sobre as actuacións realizadas e previstas no marco do programa Raia
Termal, que botou a andar en xuño de 2017 e cuxo ámbito de actuación abrangue
as zonas transfronteirizas do río Miño (Cortegada e Melgaço) e do río Limia
(Lobios, Bande, Muíños e Terras do Bouro), ademais da participación da
Deputación de Ourense e a Confederación Hidrogáfica do Miño-Sil. Unha
iniciativa que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros, financiados
ao 75 % polo fondos Feder e que ten como obxectivo valorizar e potenciar os
recursos termais deste espazo.
Para os representantes populares, aínda
que compre destacar o importante adianto nas accións previstas para a primeira
fase deste proxecto, é imprescindible seguir loitando pola consecución de máis
fondos europeos, nun momento que ademais é fundamental logo da incorporación a
estas axudas da perspectiva demográfica.

O Partido
Popular, engadimos, ven de demostrar de lonxe a súa especial sensibilidade co
desenvolvemento das rexións transfronteirizas, como impulsora de proxectos como
o da Raia Termal, polo que os candidatos anunciamos que seguiremos a apoiar
novas solicitudes de proxectos e a máxima implicación das administración, cunha
mención especial á necesaria colaboración da Confederación Hidrográfica
Miño-Sil.